éider
(< islandés oedr)
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Anátida mergulladora, da tribo dos somaterinos, caracterizada porque os machos presentan as partes baixas escuras e a cabeza e lombo claros, con peteiros de estrutura complexa, e as femias, unha conformación semellante de cores acastañadas. Aliméntase fundamentalmente de animais bentónicos, como bivalvos, crustáceos e insectos. Son propios das costas, dos ríos e das lagoas próximas ao mar, en latitudes medias e altas do hemisferio norte. As aves contan cun plumón denso, que lles serve de illante térmico, que as femias arrancan do seu peito na época de cría para forrar o niño. De xeito tradicional, o home recolleu este plumón, e así os esquimós confeccionan con el roupas. En Escandinavia e Islandia -onde fabrican niños para estas aves, que protexen do ataque dos depredadores, como o raposo ártico- emprégase para a fabricación dos edredóns (eiderdown).
-
éider común
[ANIMAL/ORNIT]
Éider de 61 cm de lonxitude, caracterizado porque o macho ten a cara, o peito, o dorso e a parte anterior da ala de cor branca, o ventre de cor negra e a caluga e a parte posterior das meixelas de cor verde clara. Ten unha distribución circumpolar e cría nas costas de xeito gregario. Distínguense cinco subespecies: S. m. mollissima, que cría dende Islandia ata Nova Zembla; S. m. v-nigra, que cría dende o nordés de Asia ata o noroeste de Canadá; S. m. borealis, que cría no oeste de Groenlandia e nordeste de Canadá; S. m, dresseri, que cría principalmente na baía do Hudson; e S. m. faeroensis, que só cría nas Illas Feroe. En Galicia é un invernante ocasional.
-
éider de Fischer
[ANIMAL/ORNIT]
Éider de 53 cm de lonxitude que presenta unha gran mancha ocular pálida e circular. O macho ten o resto da cabeza dun verde pálido, as partes superiores de cor branca suxa e as partes interiores negras. Cría nas costas árticas de Siberia e Alasca, e pode aparecer, algúns invernos, no N de Europa.
-
éider grande
[ANIMAL/ORNIT]
Éider de 58 cm de lonxitude; o macho presenta o peteiro de cor alaranxada, cun grande escudo, cabeza gris azulada coas meixelas de cor verde, pescozo e parte anterior do corpo de cor branca e o resto negra. Ten unha distribución circumpolar e cría en pequenas lagoas de auga doce da tundra.
-
éider pequeno
[ANIMAL/ORNIT]
Éider de 45 cm de lonxitude, de peteiro pequeno e groso, cunha plumaxe caracterizada no caso dos machos por cabeza de cor branca, papo, gorxa, caluga e parte central do dorso de cor negra e peito e resto do corpo de cor rubia. Cría na tundra e inverna ao longo das costas árticas de Siberia e Alasca.