Eiré, San Miguel de

Eiré, San Miguel de

Antigo mosteiro beneditino feminino situado en Eiré (Pantón). Atribúese a súa fundación a dona Escladia Ordóñez nos comezos do s XII. Aparece mencionado nun documento de 1129 polo que o Rei Afonso VII sinalaba o couto do mosteiro. Foi unha fundación cobizada pola nobreza e, en numerosas ocasións, as abadesas tiveron que recorrer aos monarcas Xoán I e Enrique III para conservar os seus dominios. En 1480 a comunidade trasladouse ao mosteiro de San Paio de Antealtares e os seus bens e rendas pasaron ao Hospital Real de Santiago; sen embargo, produciuse un enfrontamento entre Antealtares e o Hospital sobre os seus bens e rendas que se resolveu en 1507 por medio dunha bula do Papa Xulio II, que llos concedía ao Hospital, decisión que se reafirmou en 1517. Otadui, bispo de Lugo, uniu en 1599 as igrexas de San Miguel e San Xulián de Eiré, que se converteu en parroquia en 1890. Do antigo cenobio consérvase só a igrexa. Foi construído na segunda metade do s XII sobre un edificio anterior de orixe visigoda, do que se conservan os restos dunha ventá xeminada de arco de ferradura. Ten unha soa nave rectangular e unha ábsida semicircular precedida dun tramo recto. A nave ten cuberta de madeira a dúas augas e a ábsida cóbrese cunha bóveda, de canón no primeiro tramo e de forno no tramo semicircular, esta última decorada con pinturas murais do s XVI que representan o Pantocrátor, a Virxe e san Xoán. Os dous tramos da ábsida sepáranse por un arco faixón apoiado sobre columnas con capiteis vexetais. O arco triunfal presenta unha tripla arcada cinguida por unha cuarta, o arco menor apóiase sobre columnas encaixadas e o terceiro acobadadas. Os capiteis presentan decoración vexetal. Entre a nave e a ábsida sitúase unha nave transversal cuberta cunha bóveda de canón. Comunícase coa nave principal por medio dun arco de medio punto dobrado, apoiado en columnas pegadas, das que a da dereita está decorada cunha roseta e coa inscrición DECA, e, a da esquerda, cunha cabeza humana; os capiteis presentan, o dereito cabezas humanas entre follas e o esquerdo tres leóns. Cóbrese cunha bóveda de canón. Sobre o cruceiro, non resaltado en planta, eríxese unha torre rectangular abovedada que presenta no exterior dous corpos, o inferior amodo de baseamento, separados por unha moldura de billetes; nas catro frontes conserva ventás, xeminadas as dos lados anterior e posterior. No interior destacan unha pía de auga bendita e outra bautismal decorada con diversos motivos, como castelos, unha cuncha de vieira e cruces. Aos pés da nave sitúase o coro de madeira. A ábsida preséntase ao exterior dividida por catro semicolumnas pegadas con capiteis vexetais e xeométricos e bases decoradas con poutas. Os muros dos dous tramos conservan ventás sen apenas decoración; só a ventá central, de arco de medio punto, presenta billetes como motivo decorativo no arco e capiteis zoomorfos nas columnas. O tramo semicircular está percorrido por unha moldura de billetes situada na metade do mesmo. A fachada principal ten arco de medio punto sen decorar no exterior, cunha moldura interior decorada con bólas, e remata nun frontón triangular, que sobrepasa a altura da nave. Nun segundo corpo, á altura do coro, sitúase outra porta de pequeno tamaño que puido servir para a comunicación entre a igrexa e as dependencias monacais. Sobre ela, hai unha ventá de arco de medio punto, no que os capiteis da arquivolta teñen decoración vexetal que está rodeada por unha moldura de billetes. A porta norte ten arco de medio punto con arquivolta baqueteada decorada con estrías e bólas e sostida por columnas con capiteis figurados. As doelas do arco teñen unha ornamentación en zigzag e na clave conservan un Agnus Dei co epígrafe AGNUS. O arco está cinguido por unha chambrana con decoración axadrezada. As xambas rematan en ménsulas decoradas cunha cabeza humana e dous leóns con cabezas humanas sobre as que se conservan os epígrafes LU e MA, que algúns investigadores identificaron coas iniciais dos evanxelistas Lucas e Marcos, que formarían un tetramorfos no caso de que nas follas da ménsula esquerda representasen a Mateo e Xoán, e que para outros serían as iniciais do autor ou autores da mesma. Por todo o exterior conserva unha colección de canzorros xeométricos e antropomorfos. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1964.

Palabras veciñas

Eiré | Éire | Eiré López, Alfonso | Eiré, San Miguel de | Eiré, San Xulián de | Eirea Fojo, Manuel | Eirexafeita