elamita

elamita

(< topónimo Elam)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Elam ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Elam.

  3. s [HIST/ETN]

    Individuo do pobo elamita.

  4. s m pl [HIST/ETN]

    Pobo orixinario da rexión de Elam, situada ao N do Golfo Pérsico e ao L do baixo Tigris, no O do actual Irán. Entre o II milenio a C e o s VII a C desenvolveu un reino independente que foi sometido en diversos momentos polos estados veciños. O estado desapareceu trala conquista dos asirios, dirixidos por Asurbanipal ao redor do 646 a C, e o pobo integrouse no Imperio Asirio.

  5. s m [LING]

    Lingua dos habitantes de Elam. Aínda que está documentada dende o III milenio a C e foi unha das tres linguas oficiais do Imperio Persa, non se sabe moito da súa filiación lingüística. Segundo as últimas teorías, podería ser a lingua que deu orixe ás falas drávidas do subcontinente Índico. Estas dúbidas obedecen ao feito de que non se coñece moito a súa morfoloxía (segundo algúns investigadores, trátase dunha lingua aglutinante) a causa da escaseza das fontes históricas e da falta de textos literarios. A fase mellor documentada do elamita, que evolucionou pouco no decurso do tempo, é a das inscricións reais aqueménidas (a miúdo trilingües: persa aqueménida, babilónico e elamita). Do seu estudo dedúcese que era unha lingua de sufixos, que ao se uniren á raíz, esta parece que non cambiaba e que tanto o nome como o pronome se declinaban (nove casos). Durante o Imperio Persa, o elamita foi principalmente a lingua de Susa e posteriormente mantívose ata finais do s X en forma de khozi (lingua de Khūzestān).

  6. escritura elamita [ESCR]

    Conxunto dos dous sistemas de escritura que empregaban os elamitas. O primeiro, denominado protoelamita (2900-2500 a C), deriva da escritura sumeria e, coma esta, posuía centenares de ideogramas e logogramas, a maioría deles aínda sen descifrar. O protoelamita evolucionou á chamada escritura lineal (2500-2230 a C), que, na súa fase máis recente, dispuña duns setenta signos. Cara ao 2230 a C, os elamitas abandonaron este sistema e comezaron a utilizar o sumerio-acadio, con algunhas modificacións que aparecen reflectidas en tres fases: o elamita antigo (2230-1300 a C), durante o que se produce unha primeira simplificación da escritura cuneiforme a base de eliminar numerosos ideogramas; este proceso proseguiu na etapa seguinte (1300-520 a C), o elamita medio, e rematou na terceira e derradeira, o neoelamita, en que o sistema constaba só de cento trinta signos, oitenta silábicos e o resto ideográficos.

Palabras veciñas

elaiothesium | Elam | Ēlāmalai | elamita | Elanus | elanzado -da | Elaphe