elatérido -da

elatérido -da

(< lat científico Elater,xénero de animais)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos elatéridos.

  2. s m [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da familia dos elatéridos.

  3. s m pl [ANIMAL/ENTOM]

    Familia de coleópteros caracterizada por presentar na fase larvaria animais alongados e estreitos, de cabeza aplanada -con mandíbulas curtas e agudas-, corpo segmentado -os tres segmentos torácicos están provistos de pequenas patas-, de cor amarela dourada, co exoesqueleto fortemente quitinizado e os segmentos unidos por unha membrana apergamiñada -estriada lonxitudinalmente, que lles dá unha gran rixidez e dá lugar á denominación popular de vermes de arame-. Na fase adulta os elatéridos son escaravellos alongados e estreitos, moitas veces cubertos dunha fina pilosidade, con antenas de 11 artellos que poden aloxarse nuns sucos laterais e cabeza encaixada -da que só sobresaen os ollos- baixo o pronoto que ten os ángulos posteriores prolongados cara a atrás e rematados nunha punta aguda. Os escaravellos presentan un mecanismo de resorte que lles permite saltar cando quedan de costas e indefensos co que recuperan a posición normal. As femias poñen entre 150 e 200 ovos esféricos e brancos na capa superficial do solo ou a varios cm de profundidade -ata onde penetra a femia-, en terreos algo húmidos e ricos en materia orgánica, como é o caso de moitos terreos agrícolas. As larvas aliméntanse nun principio, nas capas superficiais do solo, de pequenos restos de materia orgánica do humus e logo de pequenas raiceiras. Ao chegar o inverno penetran máis no chan para protexerse do frío. O desenvolvemento larvario, nalgunhas especies, pode ser de máis de 6 anos. Sofren a metamorfose nunha cámara subterránea que fabrica a larva durante o verán e os adultos permanecen na cámara ata a primavera seguinte. Logo de emerxer, a vida de adulto é curta e, nas máis das especies, dura pouco máis dun mes. As larvas afectan á produtividade dos cultivos -especialmente cereais, remolacha, tabaco, patacas, plantas de horta e tamén árbores froiteiras e videiras-. Das máis de 180 especies que se coñecen na Península Ibérica, en Galicia están presentes 22, das que os xéneros máis comúns son Agriotes, Athous, Cardiophorus, Melanotus e Zorochros.

Palabras veciñas

Elat | eláter | elater(o)- | elatérido -da | elaterio | elaterometría | elaterómetro