electroforese
(< electro- + -forese)
Método de separación dunha mestura de partículas con carga eléctrica en solución, que se basea no feito de que cada unha migra a unha velocidade distinta cando se somete a solución á acción dun campo eléctrico. A velocidade de migración dunha partícula depende da súa dimensión e da súa carga. A electroforese converteuse nun método analítico despois da tese doutoral de A. W. K. Tiselius en 1930, traballo polo que se lle concedeu o Premio Nobel de Química en 1948. As técnicas electroforéticas clasifícanse en dous grupos, a electroforese en fase libre ou de gradiente móbil, na que a migración das partículas se produce no seo dun líquido determinado, e a electroforese de zona, na que a migración das partículas ten lugar nun líquido mantido sobre un soporte adecuado, como o acetato de celulosa, o xel de ágar-ágar, o xel de amidón, a acrilamida ou o papel, enriba do que se aplica a mostra. A electroforese constitúe unha das técnicas analíticas máis estendidas, sobre todo en bioquímica. Emprégase na análise cuantitativa e cualitativa de proteínas, ácidos nucleicos, polisacáridos, enzimas e outras macromoléculas. Pódese combinar con outras técnicas, como a cromatografía ou a convección por gradiente de temperatura; esta combinación, cando se realiza xunto coa precipitación inmunolóxica, recibe o nome de inmunoelectroforese. Despois da electrofocalización, desenvolvéronse outros sistemas, algúns de gran resolución como a electroforese en xel de dodecilsulfato sódico (SDS).