electroquímica
(
Parte da química física que estudia as relacións existentes entre a enerxía eléctrica e a enerxía química. Pódese fixar a orixe da electroquímica nas experiencias de Volta, seguidas polos traballos de Davy e de Faraday, e pola teoría de Arrhenius sobre os electrólitos. En 1905 Tafel enunciou a ecuación que relaciona a diferenza de potencial entre dúas fases coa densidade da corrente medida. En 1890, sen embargo, Nernst xa establecera a ecuación que leva o seu nome sobre a actividade do ión en disolución. Butler interpretou cineticamente os potenciais de Nernst, Gurney introduciu a mecánica cuántica para explicar a transferencia da carga e Frunkin estudiou o fenómeno da dobre capa, mentres que Debye e Hückel presentaban a súa teoría sobre as disolucións iónicas, completada por Onsager. Esta teoría adecuábase ao comportamento das disolucións diluídas, pero fallaba cando se aplicaba ao estudo das disolucións concentradas. A ecuación de Nernst relaciona os potenciais da célula electrolítica coas actividades das substancias que interveñen na reacción. No estudo dos potenciais do electrodo hai que establecer os seus valores individuais con referencia a un potencial de cero; para isto escolleuse o electrodo de hidróxeno Pt½H2(1atm)½H+(a=1). Na cinética da reacción da célula existen fenómenos de difusión, de reacción, de adsorción, de desorción e de transferencia de carga. Como exemplos de aplicación da migración iónica pódese mencionar a electroforese, a electrodiálese e a galvanoplastia.