Élide
Nomós do Peloponeso, Grecia (2.618 km2; 174.429 h [1991]). A súa capital é Pirgo (21.958 h [1981]). A rexión destacou na Antigüidade polo santuario de Olimpia, no que se celebraron os xogos olímpicos. Gobernada pola dinastía descendente do príncipe Óxilo (s VI a C), posteriormente estableceuse un réxime aristocrático no que o poder residía nunha asemblea de oitenta membros formada polos xefes das principais familias. Despois das Guerras Médicas, fundouse a cidade de Élide como unha agrupación das pequenas comunidades rurais integrada por oito demos e dotada dun réxime democrático (472 a C). Aliada de Esparta, sublevouse contra o seu dominio no 420 a C, pero foi derrotada. Incorporouse á Liga de Corinto (337 a C) e caeu baixo a influencia de Macedonia ata que na Segunda Guerra Púnica (218 a C-201 a C) rebelouse contra Filipo V de Macedonia, aliado dos cartaxineses, e declarouse partidaria dos romanos.