élitro

élitro

(

s m [ENTOM]

Par primeiro de ás dalgúns insectos -especialmente escaravellos (coleópteros), cadelas de frade (dermápteros) e grilos (ortópteros)- que se presenta endurecido e que cumpre, as máis das veces, unha función protectora do segundo par membranoso apto para o voo. Para voaren erguen os élitros, acción que lles permite despregar o segundo par de ás membranosas, que ata ese momento se mantiveran pregadas. No caso dos coleópteros, os élitros desprázanse nun ángulo aproximado de 150°, mentres que o segundo par de ás faino en 180°, e no dos ortópteros os élitros poden moverse nunha amplitude de 60°, mentres que o segundo par chega a 110°. Nalgunhas especies os élitros poden estar soldados, impedindo o voo, e conforman unha estrutura especialmente ríxida, como no caso dalgúns gurgullos e carábidos. As percebellas (hemípteros) presentan hemiélitros, nos que só está endurecida a metade anterior do primeiro par de ás. Os élitros interveñen tamén na produción de sons, especialmente no caso dalgúns ortópteros, como os grilos, que producen sons complexos ao fretar o bordo dun élitro coa parte ventral do outro. Os élitros constitúen unhas das claves do éxito evolutivo dos coleópteros, xa que lles permitiron adaptarse a un gran número de microambientes sen renunciar á posibilidade de voar.

Palabras veciñas

Elitis, Odisseus | elitismo | elitista | élitro | elixibilidade | elixible | elixido -da