Elodea
Xénero de herbáceas acuáticas, da familia das hidrocaritáceas, de talo longo, que pode acadar varios metros de altura, e ramificado, con follas alongadas e ovadas, dispostas en verticilos, que miden 2,5 mm de ancho e entre 5 e 10 mm de longo, translúcidas, verde escuras, serradas e rematadas en punta. Propias de zonas temperadas e tropicais, en Galicia -e noutros países europeos- introduciuse a especie E. canadensis, orixinaria de Norteamérica, en principio como planta ornamental en acuarios, estanques de parques e xardíns, e logo da súa aclimatación en zonas húmidas naturais, onde pode supoñer un perigo ecolóxico debido á capacidade de proliferación, principalmente de xeito vexetativo, que fai que cubra os fondos e desprace a vexetación autóctona.