Elviña, castro de

Elviña, castro de

Situado en San Vicente de Elviña (A Coruña). Comezouse a escavar en 1947 baixo a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela, que nomeou a Luis Monteagudo e a Salvador Parga Pondal directores das investigacións. A eles engadíuselles José María Luengo Martínez, que se converteu no director das mesmas durante os anos cincuenta. Despois duns anos de inactividade, o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón reanudou as escavacións a finais dos anos setenta baixo a dirección de Felipe Senén López Gómez. As campañas mantivéronse ata 1985. No 2001, o concello da Coruña aprobou a creación no recinto do castro dun parque arqueolóxico e histórico con contidos didácticos e museísticos, feito que supuxo un novo proceso de escavación e recuperación do mesmo. Atopáronse dous niveis arqueolóxicos, un prerromano e outro romano, datado dende o s I d C e probablemente abandonado ao longo do s II. Trátase dunha acrópole cunha muralla de cachotería que ten unha entrada en chanzos flanqueada por dous torreóns curvos. No seu interior destacan, entre outras construcións, a fonte-alxibe, cun pozo ao que se descende por dúas escaleiras enfrontadas; o denominado templo do ídolo fálico, de planta irregular e cunha figura fálica no seu interior que lle dá nome, e que puido estar dedicado aos deuses da fecundidade; e a casa da Exedra, formada por diversos niveis de vivendas circulares, de época prerromana, e outro nivel rectangular da época romana. Encontráronse tamén restos cerámicos que mostran un posible contacto cos pobos mediterráneos. En canto á ourivería destaca o tesouro, conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, formado por unha gargantilla con decoración xeométrica moi sinxela, un diadema de ouro, que pode ser outra gargantilla ou a peza dun cinto, e un colar articulado con doas decoradas con bandas paralelas e motivos xeométricos. Amais atopouse un machado de cobre do tipo talón datado nos últimos tempos do Bronce Final. Declarárono Ben de Interese Cultural en 1962 e ampliouse a denominación ao seu contorno en 1999. O conxunto do castro intégrase nun parque temático sobre a historia, promovido polo concello da Coruña.

Palabras veciñas

Elvas | Elviña | Elviña, Batalla de | Elviña, castro de | Elviña, San Vicente de | Elvira | Elvira