emotivismo
(< emotivo)
Teoría filosófica que mantén que as expresións éticas son emotivas xa que manifestan sentimentos morais. Ao non ser proposicións empíricas, non se pode comprobar se os imperativos éticos son verdadeiros ou falsos, polo que deben ser analizados desde a perspectiva da linguaxe para saber qué sentimento enuncian. Desenvolvérona autores de tradición anglosaxona, membros do chamado positivismo lóxico, entre outros, A. J. Ayer, Moritz Schlick e C. L. Stevenson. Para Schlick, todo o problema ético redúcese a unha cuestión de feito: averiguar cómo empregan as distintas comunidades os termos bo e malo, pero non se pode afirmar o que deben significar desde un punto de vista normativo. Falar do desexable non ten sentido pois non é algo verificable e só podemos falar de cousas desexables para algún fin, pero nunca desexables en si mesmas. C. L. Stevenson mantivo unha concepción instrumentalista da ética, de xeito que os termos éticos non se utilizan descritivamente (ó non ser posible definir o bo en si), senón tentando suxestionar. Afirmar que algo é bo faise por interese, polo tanto, o desacordo en ética é un desacordo en intereses e a maneira de desfacelo é a través da persuasión e non dunha actitude racional.