emú
(
Ave do xénero Dromaius, da familia dos dromiceidos, representado na actualidade pola especie D. novaehollandiae, de ata 1,75 m de altura e un peso de 50 kg. A cabeza é proporcionalmente pequena e o pescozo moi longo e cuberto dunha penuxe moi fina. O corpo é groso, cunha plumaxe densa e sedosa de cor gris escura que no peito é máis clara. As plumas ocultan unhas ás moi reducidas -sen utilidade para o voo-. As patas son longas e rematadas en tres dedos fortes, que lle permiten acadar os 75 km/h e teñen a pel dunha tonalidade azul. Os dous sexos son de aparencia semellante, aínda que as femias son de maior tamaño ca os machos e teñen unha chamada máis forte e potente ca estes. Os machos constrúen o niño directamente sobre o chan, onde a femia pon entre 5 e 10 ovos de cor verde cun peso aproximado dun quilo. Nalgúns niños poñen varias femias, polo que poden chegar a contar con máis de 20 ovos. Os machos chocan durante 8 semanas, nas que depende exclusivamente das súas reservas de graxa. Normalmente, en cada posta existe un ovo estéril que aproveitan os pitos logo de nacer como primeiro alimento. Os pitos permanecen co pai entre 5 e 7 meses e aliméntanse, nesta etapa, principalmente de insectos. Este deféndeos dos inimigos e doutras femias que poden intentar matalos para obrigar o macho a criar unha nova descendencia da que ela será a nova nai. Os pitos teñen un aspecto de cor cinsenta con raias lonxitudinais máis escuras, e tardan un ano en acadar o tamaño definitivo. Aliméntanse principalmente de sementes, froitos, flores, gromos, follas de arbustos e herbáceas, ademais de insectos, e poden acumular grandes cantidades de graxa en épocas de boa dispoñibilidade de alimento. Teñen a capacidade de escavar pequenos pozos para buscar auga. Forman pequenos grupos itinerantes que empregan sons resoantes para comunicarse. Estes grupos, en ocasións, xúntanse en grandes bandos que poden acadar varios milleiros de aves. Realizan amplos desprazamentos, de ata 550 km, para acadar o alimento, especialmente cara ás zonas onde choveu recentemente, guiándose polas nubes e polo olor de terra húmida, e chegan a penetrar no deserto para aproveitar as herbáceas que nacen tralas eventuais chuvias. Habitan nas grandes chairas do centro de Australia e tamén nas praderías da franxa litoral e só están ausentes das áreas boscosas e desérticas onde os fósiles más antigos datan de hai 80 millóns de anos. Os emús non se describiron para a ciencia ata 1790 por Latham e considéranse tres subespecies: Dromaius novaehollandiae novaehollandiae, no oriente e S de Australia; Dromaius novaehollandiae rothschildi, no sueste de Australia; e Dromaius novaehollandiae woodwardi, no N e occidente de Australia. Antes da chegada dos europeos a Australia existían un mínimo de tres taxons máis, que foron extinguidos no s XIX: o emú da illa de King (Dromaius ater), o emú da illa de Kangaroo (Dromaius baudinianus) e o emú tasmaniano (Dromaius diemenensis). Os emús son perseguidos polo home debido ás eventuais visitas que realizan para alimentarse dos cultivos e para salvagardar os campos de cereais destes animais, no sudoeste de Australia, levantouse unha cerca de 1.000 km de lonxitude. Un episodio singular nesta loita do home contra os emús tivo lugar en 1932, nun verán moi seco e caloroso, nas chairas de Murchinson, en Australia occidental cando uns 20.000 emús famentos avanzaban cara aos campos de cultivo onde foron dispersados polo exército. Os animais que resultaron mortos foron moitos menos dos esperados, debido á súa rapidez e resistencia, polo que o exército os tomou, a partir dese momento, como emblema no seu escudo. Os aborixes australianos cazan de xeito tradicional estes animais para a obtención de carne, coiro, aceite ou plumas. Dende a década dos sesenta comezáronse a críar en catividade en moitos países.