Encina, Nuestra Señora de la

Encina, Nuestra Señora de la

Basílica situada en Ponferrada onde se venera a Virxe da Encina, patroa do Bierzo dende 1908. A súa orixe está nunha imaxe que san Toribio, bispo de Astorga, trouxo de Xerusalén preto do ano 450 e deixou en Astorga; catro séculos máis tarde, o bispo san Xenadio, ante a presenza dos árabes, trasladouna a Ponferrada. Permaneceu oculta nunha aciñeira ata que os templarios a localizaron cando construían a súa fortaleza cara ao 1200. Era unha imaxe bizantina da Virxe co Neno Xesús nos brazos; sen embargo, a imaxe que se venera data do s XVI e representa a Virxe, despois do parto, co Neno no colo. En 1958 o Papa Pío XII declarouna basílica. A primeira igrexa construíuse trala aparición da imaxe, mais ao redor de 1344 edificouse un segundo templo. En 1572 o bispo de Astorga, Diego Sarmiento de Sotomayor, autorizoulle ao abade de Carracedo a construción dun novo templo. En 1614 iniciouse a construción da torre. Ten planta de cruz latina, e o presbiterio e o cruceiro cóbrense con bóvedas de crucería. O retablo maior realizouse entre 1630 e 1640 e o camarín da Virxe en 1707.

Palabras veciñas

1 encima | encimado -da | Encina, Juan del | Encina, Nuestra Señora de la | enciñar | Encinar Arias, Fermín | Encinas Bardem, Javier