encomenda

encomenda

(< encomendar)

  1. s f

    Acción e efecto de encomendar ou encomendarse.

  2. s f
    1. Cousa que se lle pide ou confía a alguén.

      Ex: Non fixo ningunha das encomendas que lle pediramos.

      Sinónimos: encarga, encargo, encomendamento, encarga.
    2. [ECON]

      Encargo feito por un cliente a un provedor para servirlle unha mercadoría, un artigo, un produto ou un servicio determinado, cunha calidade e características previamente establecidas, nun tempo fixado e a un prezo e nunhas condicións convidas.

  3. s f [HIST]
    1. Dignidade dotada de renda e xurisdición que se lles outorgaba aos cabaleiros das ordes militares.

    2. Bens, froitos e réditos dun comendador.

    3. Renda ou mercé que se outorgaba sobre un lugar ou territorio.

  4. s f [HIST]

    Dignidade de comendador nas ordes civís.

  5. s f [HIST]

    Cruz que os cabaleiros das ordes militares levaban na capa e no vestido.

  6. s f [HIST]

    Institución xurídica instaurada pola Coroa de Castela en América para regulamentar as súas relacións cos indíxenas. Na Antigüidade tardía era o acto polo que un home se confiaba á protección doutro. Na Idade Media, o acto de entrega acompañábase dun xuramento de fidelidade e homenaxe. A partir do s XII o termo designou as concesións de rendas que os reis casteláns lles facían ás ordes militares a cambio da súa defensa contra os musulmáns; incluían tamén as xurisdicións civil e criminal sobre os territorios, vilas e castelos encomendados. En época moderna transformáronse en señoríos territoriais, nos que as súas rendas e a súa xurisdición lle correspondía ao encomendeiro. Esta institución foi a base das encomendas ou repartimentos de indios aplicadas en América despois do descubrimento. Consistían na cesión temporal, por parte do rei a un encomendeiro, da percepción do tributo ou do traballo que o indio lle debía pagar á Coroa. A facultade de encomenda correspondíalle por dereito divino ao rei, que na maioría dos casos a delegaba en adiantados, gobernadores, presidentes de audiencia e vicerreis. O encomendeiro non tiña a propiedade nin dos indios, que eran súbditos do rei de Castela, nin da terra, que podía pertencer á Coroa, á comunidade indíxena, a outro súbdito castelán ou por unha doazón posterior ao propio encomendeiro. Se a encomenda era de servizo persoal, o encomendeiro tiña a obriga de evanxelizar os indios; se era de tributo, recibía unha renda. O gobernador Ovando implantouna por primeira vez na illa de La Española en 1503 e converteuse na base da vida económica dos conquistadores. Os abusos dos encomendeiros, que as perpetuaban, e o choque de culturas provocou un descenso demográfico na poboación indíxena antillana. No continente, en cambio, a existencia de grandes imperios permitiu a imposición da encomenda de tributo. Hernán Cortés introduciuna en México e Carlos I (1518-1556) permitiu os repartimentos de indios en Perú (1533) e México (1535). A explotación dos indios provocou a reacción dalgúns teólogos, entre os que destacaron, Antonio de Montesinos e Bartolomé de Las Casas, que na súa Historia de las Indias denunciou os abusos. As primeiras limitacións que estableceu a coroa foron as Leis de Burgos (1512), completadas polas Leis Novas (1542). Estableceron a non concesión de novas encomendas, mentres que as xa concedidas desaparecían ao caducar e os indios volvían depender da Coroa. Dende aquela, a institución camiñou lentamente cara á súa desaparición, ata que se aboliu no s XIX.

  7. s f [HIST]

    Administración ou custodia dunha igrexa baleira por un crego que percibía as rendas ou a provisión dun beneficio regular outorgado a un segrar, con dispensa da profesión relixiosa. Na encomenda temporal, o comendatario non tiña dereito sobre as rendas; pero a encomenda perpetua, dáballe dereito a gozar das rendas e dos beneficios como verdadeiro prelado ou beneficiario. O uso de encomendarlle a un bispo o goberno doutra diocese xa estaba vixente baixo Gregorio o Grande (finais do s VI). Algunhas concesións análogas, especialmente en abadías, foron moi numerosas desde o período carolinxio. O uso destas encomendas chegou a ser un abuso e difundiuse sobre todo durante o período do papado de Aviñón e durante os ss XV e XVI, ata que se opuxo o Concilio de Trento, que aínda que non as eliminou na práctica, especialmente para os cardenais, foi o inicio da súa lenta extinción.

  8. [DER]
    1. s f

      Depósito de diñeiro ou bens mobiliarios, sen gratificación nin pagamento de xuros.

    2. s f

      Contrato de natureza mixta de depósito, mandato e sociedade, consistente en encomendar a unha persoa mercadorías ou diñeiro para negociar unha conta do comitente no seu nome, concedéndolle unha participación nos beneficios ou unha retribución.

    3. encomenda agropecuaria

      Contrato de parcería de terras ou gando.

    4. encomenda de xestión

      Atribución, por parte dunha entidade pública encomendante, do encargo de realizar unha actividade de carácter material, técnico ou de servicios a outros órganos ou entidades da mesma ou de distinta administración, porque estes contan cos medios técnicos adecuados para a realización da actividade. A encomenda de xestión non supón a cesión da titularidade da competencia, nin a cesión dos elementos substantivos do seu exercicio, como o poder de decisión ou resolución.

Palabras veciñas

encoller | encollido -da | encolmar | encomenda | Encomenda, A | encomendado -da | encomendamento