endócrino -na
(< endo- + gr κρίνω ‘segregar’)
-
adx
Relativo ou pertencente ás secrecións internas das glándulas.
-
glándula endócrina
[FISIOL]
Glándula que carece de conduto excretor, polo que secreta directamente no medio interno do organismo, normalmente ao sangue, os produtos da súa secreción, para que actúen en diferentes partes do organismo. Nos mamíferos, as glándulas endócrinas son a pituitaria, a glándula adrenal, a tiroide e as glándulas paratiroides, o ovario, o testículo, a placenta e unha parte do páncreas.
-
sistema endócrino
[FISIOL]
Conxunto de órganos especializados que sintetizan hormonas e as secretan ao sangue. Os órganos principais que o compoñen son o hipotálamo, a hipófise, a tiroide, as paratiroides, o páncreas, as suprarrenais, as gónadas e a epífise. Cada un destes órganos elabora unhas hormonas determinadas, con accións específicas sobre un tecido ou outro. A regulación deste sistema realízana fundamentalmente o hipotálamo e a hipófise, mediante retroalimentación negativa; isto é, a liberación dunha hormona inhibe que esta se siga producindo. Entre outras funcións que realiza o sistema, cómpre destacar o crecemento corporal, a actividade metabólica celular, o aproveitamento das substancias nutritivas e o desenvolvemento das características sexuais.