entendedor -ra
(< entender)
-
adx e s
Que ou quen entende.
-
s
m
[LIT]
Terceira das catro fases que conforman o proceso gradual que debe superar na lírica medieval o namorado-trobador para acadar o joi (estado de ledicia interna na que se mergullaba o amante ao ser aceptado pola dama). O termo procede dun salutz d’amor anónimo occitano (“Domna vos m’aves et amor”, 1246-1265), en que Amor afirma que o namorado ten que pasar por catro graos evolutivos: “Quatro’scolos a en amor: / Lo premiers es de feignedor / E. l segons es de prejador / E lo ters es d’entendedor / E al quart es drutz apelatz”. No primeiro grao (fenhedor), o trobador, por medo ou timidez, non ousa dirixirse á dona para facerlle saber o seu sentimento cara a ela; no segundo (pregador), a dama dálle ánimos ao namorado para que exprese a súa paixón; no terceiro (entendedor), a dona concédelle algún agasallo persoal como unha luva, un anel ou unha cinta; no cuarto (drutz), a dama acepta o namorado no leito. Xa que logo, o entendedor é o namorado consentido, o que está nunha situación óptima de igualdade para conseguir os favores da dona. A lírica amorosa galego-portuguesa (cantiga de amor e cantiga de amigo) adoita reflectir un amor non correspondido, normalmente acompañado da coita. Mentres que na lírica provenzal á penas aparece o namorado tímido (feignedor), que suspiraba pola súa dama, na lírica galego-portuguesa é unha das situacións poéticas máis recorrentes. Son composicións nas que o namorado non é quen de lle declarar o seu amor á dama por mor do medo que sente ante a reacción desta (sanha). Hai casos nos que o namorado supera ese pavor e decláralle a súa paixón-coita, co que chega á fase de prejador. De todos os xeitos, é difícil percibir os límites entre o namorado-suspirante (feignedor) e o namorado-suplicante (prejador), porque o trobador sempre se presenta queixoso, pois sabe que o único que pode agardar é a coita ou a morte. Na lírica galego-portuguesa, o termo entendedor aparece oito veces: en dúas cantigas de amigo, unha de Estevan Fernandiz d’Elvas (“Farey eu, filha, que von non veja”) e outra de Pedr’Amigo de Sevilla (“Par Deus, amiga, podedes saber”); en dúas cantigas de amor, unha de Fernan Paez de Talamancos (“Con vossa graça, mia senhor”) e outra de Johan Lopez de Ulhoa (“Se eu moiro, be’-no busquei!”); e nunha pastorela de Pedr’Amigo de Sevilla (“Quand’eu hun dia fuy en Compostela”); tamén se rexistra o termo en plural, entendedores, nunha tensó de Juião Bolseiro con Joan Soares (“Joan Soares, de pran as melhores”), que se insire dentro do ciclo das amas e tecedeiras. Así mesmo, o verbo entender aplícase a personaxes que funcionan como “obstáculos”, coma os miscradores ou guardadores, co significado de ‘descubrir, averiguar’ (quén é a receptora do canto e o namorado-consentido); coñecidos ambos, desaparece o segredo amoroso e, na maioría dos casos, deriva no repudio da dama, que afasta do seu carón o namorado-servidor. Moitas veces a voz entendedor alude a pretendente. Tamén aparece nunha das cantigas de loor a Santa María, “Quen entender quiser, entendedor /seja da Madre de Nostro Sennor”, que reflicte a adaptación da cantiga de amor profana ao corpus relixioso afonsino. Neste caso entender ten o significado de ‘comprender, percibir, sentir’ (ademais, entender e connocer eran dúas calidades que se precisaban para ‘ben trobar’) e entendedor alude a ‘trobador namorado e aceptado pola dama’; de forma inusual, o trobador-namorado transgride as normas e declara abertamente o nome da súa amada, ao tempo que convida a todos a amala.