enzima
(< gr )
-
s
m
[BIOQ]
Macromolécula de natureza proteica que intervén no metabolismo celular modificando e, a miúdo, acelerando a velocidade das reaccións bioquímicas que en condicións normais de pH e temperatura terían lugar con moita máis lentitude. Debido á natureza proteica dos enzimas, as súas propiedades son as dunha proteína; así, por exemplo, son sensibles á calor e, en solución, a súa desnaturación é rápida por riba dos 60 °C. Unha das características máis importantes dos enzimas é a súa elevada especificidade, respecto ao tipo de substrato sobre o que actúa e os produtos que resultan da reacción. Isto fai que, a diferenza dos catalizadores químicos, os enzimas actúen cada un sobre un substrato determinado e que na reacción non aparezan produtos laterais. Os enzimas presentan un núcleo activo onde se forma, de xeito temporal, o complexo enzima-substrato. Este complexo favorece o aumento da velocidade da reacción e, polo tanto, a cantidade de produto ao que dá lugar o enzima. Unha vez rematada a reacción, o complexo enzima-substrato descomponse, de xeito que se recupera o enzima, que non experimenta ningunha modificación, e libéranse os produtos da reacción. Esta acción é específica e, ao mesmo tempo, reversible. Segundo a súa localización, diferéncianse en exoenzimas, que se difunden no medio a partir do corpo celular, e endoenzimas, que permanecen dentro da célula en forma de gránulos visibles só co microscopio electrónico. Moitos enzimas, para poder levar a cabo a súa función, necesitan da unión con cofactores, que son moléculas pequenas non proteicas. Os cofactores poden ser ións metálicos ou moléculas orgánicas. Os orgánicos distínguense en grupos prostéticos, se están unidos de forma permanente ao enzima, e coenzimas, cando esta unión non é permanente. A unión da proteína enzimática inactiva ou apoenzima co cofactor correspondente, dá lugar a un complexo activo que recibe o nome de holoenzima. A velocidade das reaccións enzimáticas depende da concentración do enzima regulada polo xenoma da célula, da do substrato, da temperatura e do pH que só permite a función nun determinado intervalo. Pero tamén se ve afectada por moléculas que compiten co substrato polo núcleo activo do enzima; estas moléculas poden ser activadores (diversos catións) ou inhibidores (velenos, cianuros, drogas ou algúns antibióticos) da actividade enzimática, que actúan acelerando, diminuíndo ou bloqueando reversible ou irreversiblemente esta actividade. Os enzimas clasifícanse en seis grupos, en función do tipo de reacción que catalizan: oxidorredutases, tranferases, hidrolases, liases, isomerases e ligases. O estudo dos enzimas bacterianos ou víricos e dos seus inhibidores é de grande interese no campo da medicina, concretamente na terapéutica de determinadas enfermidades; por exemplo, empréganse inhibidores de certos enzimas do virus VIH, como proteases ou replicases, no tratamento de persoas VIH (+). Tamén recibe o nome de biocatalizador.
-
actividade específica dun enzima
[BIOQ]
Número de unidades de enzima por cada miligramo de proteína.
-
enzima de restrición
[BIOQ]
endonuclease de restrición.
-
unidade de enzima
[BIOQ]
Cantidade de enzima que transforma un micromol de substrato por minuto en condicións óptimas.