Eoceno

Eoceno
s m [ESTRATIG]

Segunda época do Terciario Inferior, entre o Paleoceno e o Oligoceno. Prolongouse durante uns 16,5 M a, dende hai 54 M a ata hai 37,5 M a. O Eoceno Inferior correspóndese co piso Ypresiano, o Eoceno Medio co Luteciano e o Eoceno Superior co Bartoniano e o Lattorfiano. O seu clima era cálido. A zona tropical estendíase desde a conca de París ata África do Sur, e desde Xapón ata Nova Zelanda. Os foraminíferos desenvolvéronse nos mares cálidos, sobre todo os miliólidos, alveolinos, nummulitos e orbitolinos, que chegaron a acadar dimensións xigantes, formando grandes masas rochosas. Os xéneros de moluscos eran os mesmos que apareceron no Cretáceo. A maior parte dos xéneros de moluscos xa existían nesta época, na que apareceu o xénero sepia, que aínda existe, e desapareceron os amónidos. As anxiospermas dominaron todos os ecosistemas posibles e fixeron retroceder as ximnospermas. A flora tropical variou segundo a zona, xa que en Europa floreceron as palmeiras (Saballites e Nipalites), e en Groenlandia e Siberia, sen embargo, floreceron álamos, aciñeiras, faias e olmos, que corresponden a unha flora temperada. Os mamíferos acuáticos como os sirénidos ou os cetáceos apareceron por primeira vez nos mares eocenos. Entre os mamíferos terrestres salientan os lofondotes, emparentados cos tapires, e outras familias xa extinguidas. Neste período separáronse América do Sur e América do Norte e iniciouse a oroxenia alpina en case todos os continentes, que reduciu os mares, sobre todo o Mar de Tetis, do que xurdiron os Alpes e os Pireneos.

Palabras veciñas

Eoas, Os | eocénico -ca | eoceno | Eoceno | Eocretáceo | eocretáceo -a | Eodevónico