epéntese
(< lat epenthĕsis
Introdución ou desenvolvemento dun fonema non etimolóxico no interior dunha palabra (por comodidade articulatoria, por analoxía ou por outras razóns). Pode distinguirse a epéntese vocálica e a epéntese consonántica. No primeiro caso a epéntese máis frecuente en galego é a do -i- como procedemento para evitar os hiatos. Así pódese atopar i epentético: a) nalgunhas formas verbais (lat VADAM > vaa > vaia, CADŌ > caa > caio) e tamén na P1 do Presente de Indicativo e no Presente de Subxuntivo dos verbos rematados en -oer (MŎLŌ > moio); b) en fonética sintáctica nos encontros de dúas vocais fortes, é moi frecuente na lingua popular a súa presenza entre o artigo feminino e un substantivo que comeza por a (a auga > a-i-auga, a alma > a-i-alma), ou entre a forma verbal acabada en -a ou -o e pronome persoal o(s), a(s) (facéndoo > dialectal facéndoi(o)); e c) como fenómeno dialectal nas secuencias tónicas finais -eo/-ea (ARĒNA > area > dialectal areia, PLENU > cheo > dialectal cheio). Na epéntese consonántica distínguense os dous casos seguintes: a) foi xeral a epéntese de [b] na evolución do grupo romance m’r (MĔMŎRĀRE > mem’rar > lembrar), mais é parcial a epéntese de <v> (/v/ > /?/ > /b/), sobre todo en secuencias formadas polo ditongo -ou- seguida doutra vogal (LAUDĀRE > lou’ar > louvar). Dialectalmente tamén se rexistra un [g] epentético por causa dunha vogal velar (*CARĬŎLA > queiroa > dialectal queiroga, AUDĪRE > dialectal ouír > dialectal ouguir); e b) epéntese de [ "Stone Sans PhoneticIPA" >ɾ ] (SAPŌNE > xabón > popular xabrón, xermano *FALDA > falda > faldra).