Epicuro
Filósofo grego. Membro dunha familia nobre ateniense, foi discípulo de Nausáfines en Teos antes de trasladarse a Atenas para cumprir o servizo militar. Exerceu a docencia, entre outras cidades de Asia Menor, en Mirtilene e Lampacus, antes de fundar en Atenas unha escola filosófica denominada O Xardín (306? a C), pois celebraba as súas reunións no xardín da súa casa. Nesta escola admitíronse, por primeira vez na historia da filosofía grega, mulleres como discípulas e constituíu, ademais dun local de ensino, un lugar de convivencia e de práctica da amizade. A súa teoría física, na tradición filosófica de Demócrito e Leucipo, mantiña que as cousas estaban compostas de átomos que caían ao baleiro e que batían uns contra outros formando así os diversos corpos materiais. Entendeu entón que todo o movemento da natureza era o resultado destes choques dos átomos. Na súa teoría do coñecemento afirmou que as sensacións son sempre verdadeiras e que os erros xurdían ao interpretar as sensacións como consecuencia do xuízo que se aplica. A súa teoría ética ensinaba que non había que terlle medo aos deuses porque, aínda que existían, eran tan perfectos que estaban máis aló das preocupacións dos humanos. O home tampouco lle debía ter medo á morte porque, cando o home é, a morte non é, e cando é a morte, o home xa non é; daquela, non tiña senso angustiarse. Superados os medos, afirmou que o fin da vida era chegar á felicidade e á vida tranquila, que se alcanzaba a través do pracer, entendido este como ausencia de dor física e de dor moral ou ataraxia, ao ter as necesidades básicas cubertas; mais, entendía que o pracer non era só algo físico ou material, senón algo máis elevado de índole espiritual e afectivo. Aconsellaba non entrar na política ao ser esta unha fonte de dor e exercitar a mente a través do estudo da filosofía. Da súa obra só se conservan unha colección de tres cartas: unha a Herodoto sobre a física, unha a Fítocles sobre a astronomía e unha a Meneceo sobre a moral; e dúas coleccións de sentencias localizadas en 1822 na Biblioteca Vaticana. A maior parte da súa doutrina filosófica coñécese polo De rerum natura de Lucrecio.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Samos -
Deceso
Lugar : Atenas