equidna
(< gr ἕχιδνα ‘vívora’, cruzadocon ἐχῐνος ‘ourizo’)
Mamífero monotrema, da familia dos taquiglósidos, caracterizado por presentar o dorso cuberto de espiñas. A cabeza está pouco diferenciada do corpo e presenta un fociño longo e estreito cunha boca, ollos e orellas pequenas. A lingua protráctil é moi fina e longa, e está dotada dunha secrección espesa e pegañenta coa que colle os invertebrados dos que se alimenta. Carecen de dentes mentres que o padal e a lingua presentan fileiras de pequenas espiñas que reteñen e esmagan o alimento. A cola é pequena e está desprovista de pelos e espiñas. As patas son curtas e grosas, cos pés dianteiros máis fortes, con dedos de uñas planas e resistentes que serven para escavar. Nas patas posteriores destaca a segunda uña, que é moi longa e que lle serve ao animal para tarefas de aseo. O tarso dos machos e dalgunhas femias conta cun pequeno esporón. Logo dunha xestación no útero de 15 días, a femia expulsa un ovo que deposita nunha pequena bolsa de incubación, localizada no ventre, onde madura uns 10 días; máis tarde, a cría rompe o ovo grazas a un dente que posúe no momento do nacemento e arrástrase polo corpo da nai ata as glándulas mamarias situadas na cara dorsal da bolsa, en que permanece e se alimenta durante uns 3 meses. Son activos preferentemente durante a noite. Cando se sente ameazado vólvese unha pelota e as espiñas cóbrenlle todo o corpo; tamén pode enterrarse de forma rápida. A equidna ten capacidade para entrar nun período de latencia, en que descende en gran medida o seu metabolismo basal, cando escasea o alimento ou a auga. Trátase dun dos mamíferos máis antigos, xa que apareceu na Terra hai 120 millóns de anos. Na actualidade existen dúas especies: Tachyglossus aculeatus, que presenta unha lonxitude de entre 30 e 35 cm e un peso de entre 2 e 7 kg, propia de Australia, que se alimenta fundamentalmente de formigas e termites; e Zaglossus bruijnii, de entre 45 e 90 cm de lonxitude e de 5 a 10 kg de peso, co fociño máis longo, propia de Nova Guinea e que se nutre principalmente de vermes.