equivalencia

equivalencia

(

  1. s f

    Calidade de equivalente.

  2. s f [LING]

    Forma que se corresponde exacta ou aproximadamente con outra doutra lingua diferente. Non deben confundirse os termos voces sinónimas e voces equivalentes: os sinónimos pertencen a unha mesma lingua e son, na maioría dos casos, intercambiables entre si, mentres que no caso das equivalencias se refiren aos mesmos termos en dúas ou máis linguas e non son intercambiables nun contexto determinado. Así, por exemplo, a voz galega chapeo ten como equivalencias a portuguesa chapeu, a catalá capell, a castelá sombrero, a francesa chapeau, a italiana cappello, a inglesa hat e a alemana hut.

  3. equivalencia acústica [LING]

    Confusión entre dúas ou máis realizacións fonemáticas que teñen, polo menos, un trazo distintivo común, de punto ou de modo de articulación, e que explican algunhas evolucións diacrónicas anómalas. Así, por exemplo, nas líquidas fórmanse equivalencias entre /r/ e /l/, xeralmente por disimilación, en casos como lat CALAMĔLLU > caramelo, LĪLĬU > lirio, LŎCĀLE > logal > logar > lugar ou PARABŎLA > paravra > palavra > palabra; ou tamén hai equivalencia, neste caso sincrónica, entre /b/ e /g/, en casos como VŎMĬTĀRE > vomitar > popular gomitar.

  4. equivalencia funcional/gramatical [LING]

    Relación de igualdade funcional que, segundo Bally, se dá entre dous ou máis membros oracionais que poden intercambiarse a causa da súa función común, sen que os seus valores semánticos e estilísticos sexan necesariamente idénticos, e que é sempre viable dentro dun contexto determinado. Deste xeito, hai equivalencia entre [A poboación] viguesa, de Vigo, que hai en Vigo. OBS: Tamén se denomina concorrencia.

  5. relación de equivalencia [MAT]

    Relación binaria entre os elementos dun conxunto que permite establecer unha clasificación destes elementos de tal maneira que quede cada un nunha clase, chamada de equivalencia, e estas clases non teñan ningún elemento común. Para que unha relación sexa de equivalencia ten que ser reflexiva, simétrica e transitiva. Son equivalentes dous elementos que pertencen á mesma clase. O conxunto das clases de equivalencia chámase conxunto cociente do conxunto de partida C para esta relación R, e escríbese C/R.

Palabras veciñas

equitativo -va | equity law* | equiuroideo -a | equivalencia | equivalente | equivaler | equivocación