érbedo
(< lat científico Arbutus)
-
s
m
[PLANTA]
Arbusto do xénero Arbutus, da familia das ericáceas, caracterizados por trazos morfolóxicos lauroides e esclerófilos, propios da súa adaptación á mediterraneidade. Comprende catro especies na área mediterránea: A. canariensis, restrinxido ás illas Canarias, A. pavarii, na rexión costeira cirenaica, A. andrachne, do Mediterráneo oriental e A. unedo.
Sinónimos: albedro. -
s
m
[PLANTA]
Arbusto perenne de ata 5 m de altura, de tronco curto, coa cortiza con fendas e a copa redondeada, mesta e escura; as follas están dispostas de xeito alterno, de entre 5 e 10 cm de lonxitude, co bordo serrado, con dentes vermellos no seu extremo; flores cos pétalos soldados formando unha soa peza, de cor branca verdosa, de ata 1 cm de lonxitude, dispostas en inflorescencias de panículas pendurantes. Florece no outono ou a principios do inverno e frutifica no outono do ano seguinte. Os froitos son globosos de entre 1,5 e 2 cm de diámetro, coa superficie granulosa, de cor vermella na madurez, con polpa comestible e numerosas sementes de pequeno tamaño. Cando están maduros son comestibles para ao home e empréganse en confeitería e na obtención de licores. As follas e a cortiza empréganse tamén para curtir. Son moi valorados en xardinería por ser de folla lustrosa e perenne, e por ter flores e froitos vistosos. Os érbedos aparecen nos bordos de bosques e ladeiras pedregosas, dende o nivel do mar ata unha altura de 1.200 m, preferentemente en solos areosos, fondos e húmidos (aínda que non enchoupados) e de xeito indiferente ao pH. Resisten as xeadas e prefiren as ladeiras cunha orientación de solaina. Forman parte das etapas de substitución de certos bosques clímax da Península Ibérica e xeralmente, sobre substrato silíceo poden aparecer en formacións de reboleiras, sobreirais e aciñeirais húmidos. É unha especie circunmediterránea -Francia mediterránea, illas maiores do Mar Mediterráneo, bordo peninsular itálico, a maior parte dos Balcáns e Grecia continental, todas as illas do Mar Exeo, o litoral turco, a dorsal tunesina, a zona prelitoral alxeriana, o norte de Marrocos e o Atlas-, e tamén está presente na rexión Eurosiberiana e nunha estreita franxa costeira atlántica temperada en Galicia, Francia e en certos enclaves de Irlanda -onde aparece na costa SO, en acantilados costeiros e riscos montañosos, onde as condicións non permiten o sustento do bosque-. En España está amplamente representado, onde a termicidade e a humidade llo permiten; no occidente, aproveitando os sistemas montañosos e os vales con influencia oceánica, e no oriente, coa mediterraneidade das cadeas prelitorais. O carácter oceánico suave da vertente atlántica permite unha ampla distribución da especie por todo o litoral luso, con penetracions, máis ou menos importantes, cara ao centro da meseta, aproveitando a disposición transversal de vales e sistemas montañosos e prolongando a súa presenza cara ao interior. Polo que respecta ao ambiente mediterráneo característico, este permite unha presenza continua ao longo de toda a vertente salvo as dúas excepcións do litoral de Almería e Murcia e da chaira de Castelló de la Plana. A existencia da especie en vales térmicos da Cordilleira Cantábrica obedece á influencia mediterránea que se prolonga por estes vales.
-
s
m
Froito deste arbusto.