Erinías

Erinías
[MIT]

Antigas divindades gregas que os romanos identificaron coas Furias polo seu carácter violento. Co fin de as gabar e non espertar a súa cólera, asignáronlles o sobrenome de Euménides ‘bondadosas’. Naceron a partir das pingas de sangue que deitou Urano sobre a terra cando o mutilaron. Son forzas primitivas que non están supeditadas á autoridade da xeración nova dos deuses. Aínda que o seu número é indeterminado, xeralmente coñécense tres: Alecto, Tisífone e Mexera. Habitan na Tebra dos Infernos: o Érebo. A partir dos poemas homéricos, como protectoras da orde social, dedícanse fundamentalmente a vingar os crimes. Co tempo, sobre todo coa Eneida, configúranse como as divindades encargadas dos castigos infernais. Represéntase como xenio alados, con serpes entre o seu cabelo e con fachos ou látegos na man.

Palabras veciñas

Erinacea | erinaceido -da | Erinaceus | Erinías | erinita | erinose | Erinus