Erva
Asociación naturalista e ecoloxista fundada en Vigo en 1982 por unha escisión da delegación local da Sociedade Galega de Historia Natural. Os seus principais obxectivos son o estudio, a protección e a divulgación do medio ambiente e da natureza. Estivo presidida por Francisco Sierra Abraín, Miguel A. Fernández Martínez e Alberto Gil Carrera. Destacou na protección dos recursos naturais de especies como o lobo, a aguia real, o bufo real, o arao ou o sapoconcho e de espacios naturais como as Ribeiras do río Louro e as Gándaras de Budiño, a serra do Suído, as Illas Cíes, Ramallosa ou a xunqueira do Lagares. As minicentrais, os parques eólicos e a recollida selectiva de lixo son problemáticas de traballo desta asociación. Publica trimestralmente o boletín A Silveiriña e, anualmente, a revista A Silveira sobre temas ambientais. En 2002 abriu unha sede en Santiago de Compostela. En Galicia representa a entidade estatal Ecologistas en Acción.