escafópodo -da

escafópodo -da

(< escafo- + -podo)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos escafópodos.

  2. s m [ANIMAL]

    Molusco da clase dos escafópodos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Clase de moluscos de corpo alongado dorsoventralmente, rodeado polo manto, que segrega unha cuncha tubulosa, aberta por ambos os extremos, lixeiramente curvada e cónica. Non teñen cabeza e carecen de branquias, pois o manto serve para a respiración. Os escafópodos son dioicos; poñen os ovos por separado e despois dunha curta fase larvaria os animais novos afúndense no fondo. Os escafópodos son todos mariños e ocupan dende o litoral ata profundidades de 4.500 m; localízanse parcialmente enterrados, oblicuamente, na area ou na lama. O pé, puntiagudo, sae polo extremo da cuncha máis ancho e emprégano para furar. Ao redor da boca hai varios tentáculos delicados, ciliados e contráctiles e cos extremos dilatados; son sensitivos e prénsiles, serven para a captura de microplantas e animais, que empregan como alimento. As cunchas de escafópodos do xénero Dentalium, ensartadas en cordóns, constituían a moeda dos indios da costa do Pacífico, dende California ata Alasca; o seu valor primitivo equivalía a vinte e cinco centavos as de 4,5 cm de lonxitude, e cinco dólares as cunchas raras de máis de 6 cm. Das 350 especies que existen no mundo, nas costas peninsulares están presentes unhas 30, que pertencen maioritariamente aos xéneros Antalis e Cadulus, ademais de Bathoxiphus, Dischides, Entalina, Episiphon, Fissidentalium, Fustiaria, Pulsellum e Siphonodentalium. Os escafópodos reciben a denominación popular de cabeiros.

Palabras veciñas

escafandro | escafo- | escafoide | escafópodo -da | escagallar | escagarriar | escaino