escarpón

escarpón
  1. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe mariño bentónico do xénero Callionymus, da familia dos calionímidos. De corpo aplanado e sen escamas, presenta unha cabeza grande cun fociño longo, ollos na parte alta, a boca pequena no extremo e as fendeduras branquiais moi pequenas, dispostas en posición dorsal. Caracterízase por acadar un tamaño de ata 30 cm de lonxitude e por posuír un esporón armado de varias espiñas que prolonga o preopérculo cara a atrás. É propio de costas areosas de zonas cálidas e temperadas. Aliméntase principalmente de vermes, moluscos e crustáceos. Nalgunhas especies, no momento da reprodución, os dous sexos nadan, lentamente e estreitamente enlazados, ata a superficie.

  2. escarpón común [ANIMAL/ICT]

    Peixe de ata 30 cm de lonxitude, caracterizado por presentar a primeira aleta dorsal con 4 radios espiñentos e a segunda con radios brandos, entre 8 e 10, sen puntos negros na súa membrana. É de cor amarela acastañada e os machos presentan ademais manchas e listas azuis. Está presente, as máis das veces, en fondos de entre 20 e 50 m de profundidade. Distribúese polo Mar Mediterráneo e, no Océano Atlántico, dende Marrocos ata Noruega.

  3. escarpón con pintas [ANIMAL/ICT]

    Peixe de ata 14 cm de lonxitude, caracterizado por presentar a segunda aleta dorsal máis alta ca o segundo radio espiñento da primeira aleta dorsal, e con columnas horizontais ou manchas negras -catro no caso dos machos e dous nas femias-. É de cor acastañada clara con puntos negros e prateados. Está presente, as máis das veces, en fondos de entre 70 e 500 m de profundidade. Distribúese no Océano Atlántico, dende o N de África ata Noruega.

  4. escarpón listado [ANIMAL/ICT]

    Peixe de ata 13 cm de lonxitude, caracterizado por posuír unha segunda aleta dorsal con 10 radios e con puntos negros en columnas horizontais ou verticais. Presenta o dorso de cor laranxa ou acastañada, con manchas máis escuras e o ventre de cor branca. Está presente na zona intermareal ata os 120 m de profundidade. Distribúese dende Portugal ata as Illas Británicas.