escenificación

escenificación

(

  1. s f

    Acción de escenificar.

  2. s f [ESPECT]

    Proceso de creación dun espectáculo teatral. Comezouse a utilizar cando o director de escena asumiu un maior protagonismo nos procesos de creación teatral e converteu a dirección escénica nunha arte autónoma e independente, fronte a unha visión reducionista do espectáculo teatral que se baseaba no dominio da palabra como elemento central de significación e na que o rexedor, o primeiro actor ou o empresario, se limitaban a supervisar a elaboración dos decorados e do vestiario e establecían un xogo escénico elemental para acompañar o diálogo dos personaxes. Coa irrupción da figura do director de escena, e coas primeiras achegas de Xurxo II, Duke de Saxe-Meiningen, Konstantin Stanislavski, André Antoine, Adolphe Appia, Gordon Craig, Georg Fuchs, Otto Brahm ou Henry Irving, a realización teatral integrou novos elementos de significación como a música e a iluminación, apareceron novas correntes estéticas como o realismo e o simbolismo, desenvolvéronse novas teorías da interpretación e comezaron as primeiras investigacións arredor dos procesos de creación, comunicación e recepción teatral. O espectáculo deixou de ser unha transformación escénica do texto para se converter nun proceso creativo autónomo coas súas propias leis e dinámicas internas, aínda que nese proceso pode haber moi diversas orientacións, dende as que defenden os directores que optan por manter diferentes graos de fidelidade aos textos e pretextos sobre os que fundamentan as súas creacións, ata aquelas que propugnan unha total liberdade na interpretación e na utilización dos recursos que achegan ao espectáculo unha fábula argumental, unha estrutura narrativa ou visual sobre a que asentar a trama. Esta visión autónoma dos procesos de creación teatral, na que podemos destacar o traballo de Peter Brook e as súas propostas escénicas a partir da obra dramática de William Shakespeare, supuxo un avance considerable en moi diversas disciplinas artísticas como a interpretación, a iluminación, a escenografía ou o deseño teatral, e impulsou unha fonda renovación das metodoloxías de interpretación dos textos dramáticos e no desenvolvemento da dramaturxia como disciplina que se ocupa da creación, versión, adaptación e adecuación dos diversos recursos narrativos e visuais destinados á creación teatral. Foi así como tamén se procedeu a unha lectura nova dos textos clásicos e a unha fonda renovación nas orientacións e nos procedementos da escrita dramática.

Palabras veciñas

escenario | Escenario | escénico -ca | escenificación | escenificar | escenografía | escenográfico -ca