escenógrafo -fa
(
Artista encargado do deseño e da construción de escenografías. Tradicionalmente, o escenógrafo ocúpase do deseño do espazo escénico, no que se recrea un mundo dramático concreto, sexa desde o naturalismo, sexa desde a pura abstracción, e do deseño do vestiario e dos diversos obxectos, útiles e materiais que se sitúan en escena, como parte do mundo recreado ou como elementos que manipulan os personaxes. Pintores como Pablo Picasso, Henry Matisse, Max Ernst ou Salvador Dalí, colaboraron con importantes compañías de teatro na realización escenográfica. Os escenógrafos poden adquirir unha formación específica nas Escolas Superiores de Arte Dramática, onde existe a especialidade de escenografía. En Galicia, hai que destacar os traballos pioneiros de Camilo Díaz Baliño, que colaborou con diversas compañías de teatro galego nos anos vinte e foi o escenógrafo oficial da Empresa Fraga durante unha boa parte do primeiro terzo do s XX. Tamén cómpre destacar o pulo desenvolvido no terreo profesional deste importante campo da realización teatral e os traballos realizados por Carlos Alonso, Baltasar Patiño, Antonio Simón, Iago Seara, Paco Conesa, Suso Montero, Rodrigo Roel, Xosé Méndez, Jesús Costa, Pablo Otero ou Marcelino de Santiago Kukas.