escolante

escolante

(< escola)

s [EDUC]

Persoa que se dedicaba ao ensino no medio rural galego. Esta figura desapareceu na década de 1970, coincidindo coa política de concentracións escolares e coas importantes transformacións sociais de Galicia. A maioría dos escolantes eran homes, debido a que entre as mulleres dominaba inicialmente un analfabetismo masivo. A súa cultura reducíase normalmente á adquirida nas escolas de ferrado -escolas particulares rurais- ou nas públicas, que procuraban ampliar pola súa conta, e á súa pedagoxía meramente empírica. Exercían a tempo parcial, ben fose durante uns meses no inverno dende a mañá á noite, ben durante dúas ou tres horas diarias ao longo de todo o ano, dedicando o resto do tempo á súa ocupación principal, que adoitaba ser o traballo agropecuario. Conforme se ía implantando a escola pública, e con ela a profesión de mestre, a cultura pedagóxica oficial tendeu a desvalorizar e mesmo a ridiculizar esta figura, así como as escolas que rexentaban. Non obstante , hai que resaltar o importante labor social que realizaron, pois unha boa parte da poboación galega aprendeu a ler, escribir e contar cos escolantes.