escornacabras

escornacabras

(< escornar + cabras)

Nome científico: [Pistacia terebinthus, Famdas anacardiáceas]
s f [PLANTA]

Arbusto caducifolio dioico, de ata 4 m de altura, con casca lisa e de cor cinsenta, pólas terminais tinguidas de vermello e follas -de ata 11 folíolos ovado-oblongos- dispostas de xeito alterno. As flores dispóñense en panículas e son unisexuais -pentámeras as masculinas e trímeras as femininas-, de cor vermella, coas anteras púrpuras. Os froitos son drupas vermellas duns 5 mm de diámetro. As pólas terminais adoitan presentar unhas grandes gallas con forma de corno de cabra, de onde procede o seu nome vulgar, provocadas polo himenóptero Pemphigus cornicularis. É propia da rexión mediterránea europea e de Asia Menor que aparece, ata os 1.500 m de altitude, nas ladeiras pedregosas, claros de aciñeirais e, ás veces, en reboleiras. En Galicia está presente en rochedos e en lugares secos calcarios do extremo oriental do país. Emprégase como antidiarreico en infusión ou tamén en po para feridas ou ulceracións cutáneas. Do tronco extráese esencia de trementina, constituída por alfa pireno, ácido benzoico e resinas. As follas, a codia e as gallas son ricas en taninos para curtir. Estas últimas tamén se empregan para obter unha tinguidura amarela para a seda. A madeira é densa, dura e resinosa e utilízase en ebanistería. A madeira proveniente das raíces é de cor vermella e empregouse tradicionalmente para a confección de caixas de puros. Na Biblia aparece referida, a súa resina, como obsequio, e o arbusto relaciónase con rituais idólatras xa que a súa presenza se consideraba indicativa de lugares propicios para sacrificios.

Sinónimos