esfagno

esfagno

(< lat científico Sphagnum)

s m [PLANTA]

Brión hidrófilo, do xénero Sphagnum, que normalmente non supera os 30 cm de longo -aínda que algunhas especies chegan ata os 100 cm-. O caulidio presenta dous tipos de pólas -unhas perpendiculares e outras pendurantes-, dispostas en fascículos laterais, que na parte apical forman unha mouta de pólas curtas, denominada capítulo; neste sitúase o esporanxio -en forma de cápsula esférica de cor escura, sostido por un pequeno pé- que libera as esporas por abertura violenta da cápsula ata distancias de 200 mm. O esfagno presenta unha capa superficial de células mortas e transparentes en que pode entrar e saír a auga grazas á presenza de poros, polo que poden acadar 20 veces o seu peso seco. Dependendo da intensidade de luz que reciben, pigméntanse as células, ben de cor verde ou verde amarelenta, ben de tons arrubiados. Estes brións van medrando polo ápice, mentres a parte inferior vai morrendo para dar lugar á formación da turba. Forman céspedes ou almofadiñas en turbeiras, brañas e bordos de masas de auga, sobre substratos ácidos das rexións frías ou temperadas, con veráns húmidos, ou en zonas de montaña. Na Península Ibérica están presentes máis de 30 especies. As máis comúns son: Sphagnum auriculatum, S. capillifolium, S. papillosum e S. subnitens. En ladeiras das montañas, en ambientes abertos e rodeados de queirogais están presentes as especies: S. auriculatum, S. papillosum e S. capillifolium; mentres que no interior das fragas aparecen outras como S. fimbriatum e S. quinquefarium. S. viride presenta un alto interese bioxeográfico, xa que só se localiza en dous enclaves da Península Ibérica: unha nos montes de Ordunte, na provincia de Burgos, e outra nas turbeiras mellor conservadas do oriente galego.

Palabras veciñas

esfachar | esfacharear | esfachicar | esfagno | Esfahān | Esfahān | esfalerita