Esgos

Esgos


Concello da comarca e da provincia de Ourense, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Nogueira de Ramuín, ao S cos de Paderne de Allariz e Maceda (ambos os dous na comarca de Allariz-Maceda), ao L con Xunqueira de Espadanedo (Allariz-Maceda) e ao O co do Pereiro de Aguiar (Ourense). Abrangue unha superficie de 37,8 km2 cunha poboación de 1.259 h (2007), distribuídos nas parroquias de Esgos, Loña do Monte, Os Pensos, Rocas, Santa Olaia de Esgos, Triós e Vilar de Ordelles. Con respecto á división parroquial cómpre mencionar que Triós, Loña do Monte e Os Pensos teñen repartido o seu territorio entre dous concellos: no caso de Loña do Monte, a maior parte da parroquia e a súa cabeceira localízanse no concello de Nogueira de Ramuín; a cabeceira da parroquia de Triós está no concello do Pereiro de Aguiar; e un terzo do territorio dos Pensos pertence ao concello de Xunqueira de Espadanedo. A capital municipal é a vila de Esgos, na parroquia homónima, situada a 42° 19’ de latitude N e 7° 41’ de lonxitude O, 18 km ao L de Ourense e 129 ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello de Esgos está baixo o dominio climático oceánico húmido, aínda que se manifestan algúns matices de mediterraneización, e o extremo SL, de elevada altitude media, pódese encadrar dentro do clima de montaña. O volume de precipitacións sitúase no umbral mínimo do clima oceánico, cuns rexistros de 790 mm de media anual. O réxime pluviométrico indica unha clara tendencia á mediterraneización, pois as precipitacións concéntranse especialmente nos meses do inverno, cando se recollen o 38% das chuvias anuais. Da distribución estacional das precipitacións dedúcese a existencia dunha acusada seca estival, particularmente en xullo e agosto, pois no verán só se recolle o 8% das chuvias; pola súa banda, a primavera e mais o outono adoptan un carácter de estacións de transición, cuns rexistros do 27% e do 26% anual, respectivamente. O abrigo orográfico que proporciona a Dorsal Meridiana galega, que chega ata o NL do concello, favorece unas temperaturas non demasiado baixas no inverno, debido á escasa perda de calor durante o arrefriamento nocturno. Pola mesma razón, as temperaturas máximas estivais sitúanse entre as máis elevadas de Galicia. A temperatura media anual é de 14°C e a oscilación anual de 15,1°C. A mínima rexístrase en xaneiro con 7°C e a máxima en xullo, con 22,1°C. A insolación é modesta, en contra do que cabería esperar, debido ás frecuentes néboas de radiación provocadas por fenómenos de inversión térmica. Por outra parte, as áreas máis elevadas do concello posúen un clima de montaña, cunhas precipitacións máis elevadas (entre 1.200 mm e 1.500 mm anuais), temperaturas invernais moi baixas e unha notable oscilación térmica, ademais dun risco de xeadas que se estende á maior parte do ano. O relevo de Esgos caracterízase pola presencia de multitude de bloques levantados e afundidos pola téctonica, moi característicos da Galicia meridional. O concello sitúase nun punto de transición entre a depresión de Ourense (da que forma parte a área sudoccidental do municipio) e as serras da Dorsal Meridiana galega. As áreas máis montañosas sitúanse ao N e L, onde aparecen os somontes de Cabeza de Meda, que se erguen por riba dos 1.100 m de altitude. No S (Alto do Couso, 702 m) e SL (Monte Chairós, 793 m), os cordais montañosos teñen un menor desenvolvemento. No centro do territorio aparecen os montes de Rocas, caracterizados por formas graníticas fusiformes. No terzo SO, a uns 450 m de altitude, ábrese o amplo val do río Grañal, que xunto cos seus afluentes e o río Porto, que discorre polo NO, integran a rede fluvial de Esgos, que segue a dirección que marca a inclinación do terreo: NL-SO ou N-S.
Xeografía humana
A poboación de Esgos caracterízase polo seu acusado declive, froito dunha intensa emigración no s XX. O poboamento concéntrase en aldeas de certa entidade, se ben nas últimas décadas do s XX, proliferou a construción de chalés en grandes parcelas axardinadas, que, na maior parte dos casos, son propiedade de emigrantes que só as empregan durante os períodos de vacacións. A evolución demográfica que o concello experimentou dende o primeiro censo de 1887, cando rexistraba 3.152 h, reflicte un descenso moi pronunciado, que o levou a perder máis da metade da súa poboación. Nun primeiro período, ata 1910, a emigración cara a América deixouse sentir, de xeito que ao final do intervalo a cifra de poboación estaba estancada (3.148 h). Despois dunha década de leve recuperación (1910-1920), cando creceu un 2,6%, chegou un período de forte descenso, debido á intensidade da emigración transoceánica, que deixou o concello con 3.089 h en 1930. O cesamento da demanda de man de obra nos países tradicionalmente receptores, como consecuencia da crise económica e dos conflictos bélicos mundiais que se sucederon nos anos trinta e corenta, motivou o inicio dun prolongado incremento demográfico, que rematou en 1960 co máximo poboacional de toda a serie censual, no momento en que Esgos acadou os 3.762 h. Dende aquela a reactivación da emigración, dirixida cara a novos destinos, nas áreas máis desenvolvidas de Galicia (particularmente as cidades de Vigo e Ourense), de España e da Europa Occidental, supuxeron o inicio dun intenso declive demográfico, que se verificou con taxas medias anuais do -2,2% (1960-1970), do -2,1% (1970-1981) e do -3,8% (1981-1991). A partir de entón, cando a poboación xa rexistraba un elevado índice de avellentamento e, polo tanto, a proporción de residentes no concello susceptibles de emprenderen o camiño da emigración diminuíra bastante, o descenso baixou a taxas do -0,18% anual; entre 1996 e 2001 o descenso foi do -10,01%, e entre 2001 e 2007 do -2,70%. Isto débese, fundamentalmente, a un crecemento vexetativo negativo (-11,3‰ en 2006), froito dunha natalidade mínima (3,1‰) e dunha mortalidade moi elevada, condicionada polo extremado avellentamento (14,4‰). Como consecuencia desta evolución, a estructura por idades reflicte un acusado grao de senectude, pois os maiores de 65 anos constitúen o 33,8%, mentres que os menores de 20 só representan o 8,3%; o grupo intermedio representa o 57,8%. Por sexos a poboación está equilibrada: 50,11% de homes e 49,88% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Esgos é do 40,7% (54,3% a masculina e 27,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,8% (45,7% a masculina e 24,5% a feminina) e a taxa de paro é do 14,5% (16% a masculina e 11,7% a feminina). Os servizos constitúen o sector de actividade que lle dá emprego ao maior número de traballadores residentes en Esgos, aínda que, debido á escasa oferta local, a maioría destes desenvolven a súa actividade laboral en empresas ou institucións localizadas en Ourense, ou mesmo na vila de Maceda. En total, as actividades terciarias danlle emprego ao 58,5% dos ocupados. Algo semellante ocorre co 12,9% dos traballadores ocupados na industria, que acoden diariamente aos seus postos de traballo no polígono de San Cibrao das Viñas. A produción agropecuaria, que lle dá traballo ao 11,2% dos ocupados; a orientación ao consumo doméstico da maioría das explotacións repercute nunha baixa rendibilidade. Os cultivos supoñen o 17% da superficie municipal; destacan as patacas, o millo e as hortalizas. Aínda que os pastos ocupan unha proporción maior do terreo, o 19%, a gandería bovina e ovina tamén se practica para o autoabastecemento. Non obstante , as condicións son óptimas para a produción e comercialización avícola e porcina, moi estendidas en Esgos e que reportan elevados beneficios económicos. A silvicultura é unha actividade en pleno desenvolvemento; a superficie arborada crece continuamente gracias á ocupación de pastos e terras de labor abandonadas, e aínda así só supón o 20% da extensión municipal. As plantacións son, fundamentalmente, de especies de crecemento rápido, sobre todo piñeiros. A vexetación arbórea autóctona tamén ocupa extensións notables, especialmente os soutos de castiñeiros. A construción emprega o 17,4% dos traballadores residentes no concello, gracias, sobre todo, á edificación de segundas residencias para os antigos veciños emigrados. A principal vía de comunicación que atravesa o concello é a estrada OU-536 que conecta o concello con Ourense.
Historia
A historia de Esgos está intimamente vinculada á do mosteiro de San Pedro de Rocas, fundado no s VI, que séculos despois se convertiría en priorado de San Salvador de Celanova. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integraban o concello pertencían á xurisdición de Rocas, baixo o señorío do cenobio benedictino de Celanova. Coa proclamación da Constitución de Cádiz, en 1812, aboliuse o sistema feudal e as xurisdicións e constituíuse en concello de Rocas. Non obstante , a derrogación da Constitución, asinada por Fernando VII en 1814, suprimiu o municipalismo e restaurou o réxime señorial. No Trienio Liberal (1820-1823) restablecéronse a Constitución e o concello, pero unha nova involución absolutista, promovida pola intervención das potencias europeas en 1823, derrogou a Constitución e disolveu os concellos. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se estableceu o concello de Esgos. Dende aquela a única modificación que experimentou foi a creación da parroquia dos Pensos, segregada da de Rocas en 1842.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello destaca a igrexa rupestre do antigo mosteiro de San Pedro de Rocas, declarada BIC en 1923. O templo consta de tres naves escavadas na rocha e no seu interior destacan as pinturas murais, datadas no último tercio do s XII, e os sepulcros coas figuras dos xacentes. Nas súas proximidades consérvase unha calzada romana. Destacan tamén as igrexas parroquiais de Santa Olaia de Esgos e Santa María de Esgos (s XVI). No eido da arquitectura civil sobresae o pazo barroco de Rocas, preto do mosteiro. Entre as festas que se celebran no concello destaca a de San Vítores en agosto, promovida por frei Alonso de San Vítores; pénsase que a súa orixe está na veneración a san Vitoiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 37 Km2
Poboación Total 1259 h
Poboación Homes 631 h
Poboación Mulleres 628 h
Densidade de poboación 34.03 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias