eslavo -va

eslavo -va

(< lat tardío Slavu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos pobos eslavos ou ás súas linguas.

  2. s

    Natural ou habitante dos pobos eslavos.

  3. s m pl

    Grupo de pobos de lingua indoeuropea que habitan o territorio comprendido entre os ríos Oder e Volga e desde o Mar Báltico ata os Cárpatos, e que se estenden polo N de Asia ata o Pacífico. Orixinarios da rexión situada entre as actuais Bielorrusia e Ucraína, no val do Río Pryp’yat’, limitaban cos pobos xermánicos, bálticos e tracios. Chamados vendos polos seus veciños xermánicos, a denominación de eslavo apareceu documentada no s VI. Espalláronse cara ao L e ao S dende o s II, ata que se enfrontaron cos pobos bálticos, fineses e godos. Sometidos polos hunos, trala destrución do reino dos godos (370), que se estendía dende Polonia e chegaba ata o Mar Negro, os eslavos liberáronse e iniciaron a marcha cara a Europa Central, onde constituíron grupos político-militares repartidos polo curso do Dniéper, do baixo Danubio, e polo alto Vístula (ss VI e VII). Atravesaron o Elba a comezos do s VI e un grupo chegou á conca dos ríos Saale e Danubio, mentres outro ocupaba Bohemia (508-514); logo de pasar o Danubio iniciaron a conquista dos Balcáns fronte á debilidade dos bizantinos. Pódense distinguir tres grupos eslavos: os meridionais, os occidentais e os orientais. A expansión cara ao S detívose tralo establecemento dos ávaros no Danubio central (568), pero, despois da súa derrota ante os bizantinos (626), os eslavos formaron o Reino de Samo (626-659), con capital en Nitra, que se estendeu polo Danubio superior e medio. Este reino agrupou a diversos pobos eslavos (serbios, lusáceos, checos, moravos, eslovacos e eslovenos) con outros de orixe xermana. Trala morte de Samo, o estado disgregouse e os búlgaros ocuparon parte do reino (679) e someteron os seus habitantes. Malia os enfrontamentos cos bizantinos durante os ss VIII e IX, os búlgaros formaron un extenso imperio (893-927), que foi sometido e integrado como provincia bizantina (1018). O duque Tomislav unificou os principados de Croacia e os territorios de Panonia e Eslavonia no Reino de Croacia (925). Os eslavos occidentais estendéronse por terras xermanas ata que, a finais do s VIII, chegaron á conca alta do río Weser e, tralo establecemento por Carlomagno do limes Sorabicus (805) e do limes Saxonicus (808), limitou temporalmente as súas migracións. A decadencia política dos carolinxios permitiu a organización do primeiro grande estado eslavo da Europa Central, a Gran Moravia (830-904), que incluíu os eslavos que habitaban Eslovaquia, Bohemia e Lusacia. O emperador xermánico Odón I (936-973) reconquistou as terras que ocuparan os eslavos ata o río Oder e creou as marcas de Carintia e Carniola, que frearon a expansión eslava na conca dos ríos Drava e Sava. Ao mesmo tempo, os principados checo (880) e de Bohemia (995) sufriron un proceso de xermanización. Os eslavos orientais acadaron unha certa unidade no s VI e constituíron unha federación que dominou a conca do río Dniéper, ata que os ávaros a destruíron (602). Dende o s VII, os eslavos orientais foron sometidos polos pobos da estepa, como os kházaros. Malia este dominio dos pobos esteparios, crearon poboados fortificados na ruta mercantil que unía o Mar Báltico co Mar Negro, como Kiev e Novgorod, que se converteron en importantes núcleos comerciais para os escandinavos. Paulatinamente, mesturáronse cos ruotsi ou rusos, pobos de orixe escandinava que chegaban polas vías fluviais, e a partir destes poboados creáronse algúns dos principados rusos. As incursións dos pobos das estepas na Idade Media someteron ao seu dominio a maior parte dos pobos eslavos, e nos ss XIV e XV os turcos conquistaron os estados eslavos do S. Rusia foi o único pobo que se converteu nun estado independente despois de liberarse dos tártaros no s XV. O dominio dos Habsburgo sobre Bohemia e Croacia orixinou a xermanización e maxiarización destes territorios. A decadencia do estado eslavo de Polonia (1795) e a extensión territorial de Rusia durante a Idade Moderna estimularon a súa posición como defensor dos pobos eslavos no s XIX, corrente coñecida co nome de paneslavismo. A decadencia do Imperio Otomano permitiu a liberación dos pobos eslavos, que acadaron sucesivamente a súa independencia: Bulgaria (1885), Checoslovaquia (1918) e Iugoslavia (1918). A estrutura social básica dos eslavos eran as familias, en xeral monogámicas, que se agrupaban en clans patriarcais (vod), e estes en tribos formados por individuos libres. A autoridade máxima da tribo residía na asemblea de anciáns, que elixía os xefes da tribo. Cada unha das tribos posuía un lugar fortificado (grad ou gorod), onde se reunían os seus membros e que, máis tarde, deu lugar a mercados e cidades. Economicamente, vivían do pastoreo e da agricultura, aínda que a caza e a pesca tamén desempeñaron un papel destacado. As terras eran, orixinariamente, propiedade comunal e repartíanse entre as familias, pero a partir do s X transformáronse paulatinamente en propiedade privada. Practicaban o infanticidio selectivo como vía para evitar a superpoboación. Incineraban os seus mortos e celebraban festas funerarias que se prolongaban durante varios días. Construían as súas vivendas en madeira e, a partir dos ss VII-VIII, edificáronas en pedra, malia que entre os eslavos do S apareceron antes. As crenzas dos eslavos, que se coñecen polos textos cristiáns, polas descricións das viaxes e polo folclore, baseábanse no animismo. Rendíanlles culto aos devanceiros e aos espíritos do bosque e das augas, que representaban en ídolos con tres ou catro caras. Ademais, posuían unha mitoloxía baseada na existencia dunha divindade solar superior, Svarog, chamado co nome común de bog (‘deus’), da que dependían outras divindades inferiores como os seus fillos Dažbog, deus protector da agricultura; Volos, deus protector dos rabaños; e Perun, deus do trono e da guerra. A única deusa coñecida é Mokǒs. Recoñeceuse a existencia de lugares sagrados, pero non se localizaron templos. O s VII marcou a entrada do cristianismo entre os pobos eslavos dende tres focos: Bizancio, Roma e Xermania. Os apóstolos da conversión foron o abade Martiño, enviado por Roma para bautizar os croatas (640-642) e, máis tarde, os ortodoxos Cirilo e Metodio, que evanxelizaron Moravia e Bohemia (s IX); mentres, os carolinxios dende as marcas intentaban tamén a cristianización. Os eslavos do litoral do Báltico non foron cristianizados ata os ss XI-XII. Como consecuencia das diferentes orixes dos evanxelizadores, os eslavos occidentais e parte dos meridionais (checos, eslovacos, croatas e eslovenos) formaron parte do cristianismo occidental, mentres que a maioría dos meridionais e todos os orientais (búlgaros, serbios, ucraínos e rusos) se integraron no cristianismo oriental e ortodoxo.

  4. [LING]
    1. s m

      Fonte común primitiva das linguas eslavas. As formas máis coñecidas son o antigo eslavo e o antigo búlgaro.

    2. antigo eslavo/eslavo eclesiástico/eslavón

      Lingua literaria eslava baseada orixinariamente nos dialectos eslavos do S de Bulgaria e Macedonia, aos que hai que lles engadir trazos lingüísticos propios do eslavo occidental. Mantense como lingua litúrxica nalgunhas igrexas ortodoxas e nos ritos dos eslavos católico-romanos, seguidores do rito oriental. A forma de lingua máis antiga testemúñase nunhas inscricións do s X nos Balcáns sudorientais e nun reducido número de manuscritos, na súa maioría da mesma zona, posiblemente de finais do s X ou do s XI. O eslavo antigo lígase á obra misional dos irmáns Cirilo e Metodio (s IX), que o dotaron dun alfabeto (primeiro en glagolítico e despois no cirílico tomado do grego) e traduciron os libros bíblicos e litúrxicos gregos. Estas versións eran comprendidas polos diversos pobos eslavos que se evanxelizaban, atendendo á semellanza dos diferentes dialectos eslavos. Ás traducións do grego sucedéronlles composicións orixinais en antigo eslavo, entre as que figura Vidas (s X) de Cirilo e Metodio, tratado contra os bogomilos, escrito polos seus discípulos en Bulgaria, e epístolas do patriarca búlgaro Eutimio (s XV), sobre cuestións filolóxicas e teolóxicas. Rusia produciu unha literatura en antigo eslavo propia e orixinal. Ademais das producións eclesiásticas, cómpre salientar a Instrución (s XII) de Vladimir Monómaco e o canto de xesta de Igor Sv’atoslavič; un epistolario de Iván o Terrible e un Četi Minej (s XVI), especie de vidas de santos; e unha autobiografía do prebístero Avvakum (s XVII). O antigo eslavo empregouse en Rusia como lingua literaria ata finais do s XVIII.

    3. linguas eslavas

      Grupo de linguas que pertence á familia baltoeslava do phylum indoeuropeo. O eslavo común, nai de todas as linguas eslavas, existiu durante máis de 3.000 anos antes de desintegrarse en dialectos e, máis tarde, en linguas individuais con características propias (ss VI-IX). A expansión dos eslavos nos primeiros séculos dispersou este pobo desde un núcleo compacto ao N dos Cárpatos ata o Elba, ao noroeste, Europa Central, os Balcáns e o O de Rusia. Atendendo ás estruturas da familia báltica e da familia eslava, cómpre dicir que a lingua antecesora é a mesma, e posiblemente xa existira no primeiro milenio a C, para logo escindirse. A fragmentación das linguas eslavas produciuse no s IX, momento en que apareceu a literatura en esloveno eclesiástico. Así, o eslavo común escindiuse en tres grupos diferentes de linguas, probablemente como resultado da invasión dos hunos e, con posterioridade, dos ávaros: meriodional, occidental e oriental. A súa escritura máis característica é a cirílica. Ao subgrupo meridional, resultado das incursións eslavas no Imperio Bizantino (VII-IX), pertencen unha serie de falas, localizadas entre o Adriático e o Mar Negro, que orixinaron catro linguas diferentes que á súa vez se subdividen en occidental e oriental: na rama occidental están o serbocroata, de alfabeto latino en Croacia e cirílico en Serbia, con características sintácticas e gramaticais semellantes ás do ruso; e o esloveno, emparentado co serbocroata, de alfabeto latino, falado ao NO de Iugoslavia. Na rama oriental, o búlgaro, de alfabeto cirílico, falado en Bulgaria, Besarabia e Ucraína, con moitas palabras e elementos gramaticais turcos, gregos, albaneses e romaneses; e o macedonio, falado ao SL de Iugoslavia, que é o máis influenciado polo grego. Ao subgrupo occidental, que aparece na historia escrita cara ao s XIII, de escritura latina, pertence o checo, falado en Bohemia e Moravia, e o eslovaco, con pequenas variantes ortográficas do checo; o polaco segue en importancia ao ruso como chave das linguas eslavas e presenta un aspecto de máis pureza na súa formación; emparentado co checo, ten unha declinación moi desenvolvida e ten unha gramática e unha sintaxe moi complexas. Son menos importantes os dialectos lekhites, influídos polo alemán, entre eles o sorabo superior e inferior (lusacio e vendo); o polabo, do Elba inferior, desaparecido no s XVIII; o eslovincio, de Pomerania, case extinto; e o cashubio da costa O de Danzig, emparentado co polaco. Ao grupo oriental, testemuñado cara ao s XII, pertence o gran ruso ou ruso, a lingua eslava máis importante, de alfabeto cirílico; ten declinación e o verbo presenta a particularidade dos aspectos imperfectivo e perfectivo; a sintaxe é complexa, mentres que a construción é simple e a prosodia tamén; o bielorruso ten moitos xiros polacos e presenta diferencias fonéticas co ruso; o ucraíno é semellante ao ruso en fonética e en mecanismos gramaticais; con todo, os nacionalistas intentaron subliñar as diferencias entre ambas as dúas ortografías e crearon unha linguaxe literaria neoucraína.

  5. literatura eslava [LIT]
    1. Conxunto da produción literaria nas diferentes linguas eslavas.

    2. Literatura escrita en antigo eslavo.

  6. música eslava [MÚS]
    1. Arte musical desenvolvida polos pobos eslavos. Localizáronse testemuños no s VI. Os pobos eslavos cultivaron de maneira especial a canción nos aspectos épico, familiar e relixioso. Caracterízase pola forza rítmica, a melodía limitada e diatónica e a estrutura formal moi simple. Na Idade Moderna, a música culta imitou o estilo do Occidente europeo, pero no s XIX orientouse cara á música popular, especialidade en que destacou a música rusa.

    2. Música litúrxica dos pobos eslavos de rito bizantino. Cantada en eslavo, difundírona Cirilo e Metodio, primeiro na Gran Moravia, despois en Bulgaria (música búlgara) e, desde o 988 en Rusia, contribuíu á música sagrada rusa (música rusa). Os cantos eslavos son idénticos aos bizantinos, conservan non só as melodías, senón tamén os acentos das palabras. Os pneumas musicais serviron indistintamente para as dúas linguas. En Rusia consérvanse documentos litúrxicos eslavos do s XI. O repertorio litúrxico eslavo ten tres notacións pneumáticas: a ecfonética, a paleobizantina e a kontakariana. Ucraína chegou a ter unha notación propia, chamada de Kiev. A liturxia eslava non ten acompañamento instrumental. Chaikovski, Grečaninov e Rimskij-Korsakov, entre outros, escribiron obras sobre temas litúrxicos eslavos.

Palabras veciñas

eslavismo | eslavista | eslavística | eslavo -va | eslavofilismo | eslavófilo -la | eslavón -na