esmerillón
(< fr antigo esmereillon,actual émerillon?)
Falcón de entre 26 e 34 cm de lonxitude e 52 e 69 cm de envergadura, de ás anchas rematadas en punta; o seu aspecto xeral é máis compacto ca outros falcónidos. A cola é relativamente longa, e o voo resulta xeralmente raso e rápido. O macho é a ave de rapina de menor tamaño de Europa e caracterízase por presentar o dorso de cor azul cinsenta; a caluga, o peito e o abdome son de cor ferruxenta, con pequenos riscos acastañados; e a cola de cor azul ten no extremo unha banda negra. As femias son maiores e teñen as partes superiores de cor acastañada con riscos escuros; o peito é claro pero presenta numerosas raias de cor acastañada; e a cola ten bandas claras. Os animais novos son semellantes ás femias. Aliméntanse principalmente de aves de pequeno tamaño que capturan tras un voo persecutorio en terreos abertos, xeralmente en zonas de matogueiras e campos de cultivo intercalados. Aniñan, entre maio e xuño, en diversos lugares, tanto directamente sobre o chan ou sobre vexetación baixa, como en cantís ou niños de córvidos abandonados. A posta consta normalmente de 4 ovos, aínda que este número pode variar entre 2 e 7. Os animais novos realizan o seu primeiro voo antes do mes de vida. Aniña no N da rexión holártica; en Europa na Península Escandinava, Islandia, Inglaterra, Irlanda e Rusia. Na Península Ibérica é unha ave invernante que está pouco presente dende novembro a marzo, e que chega seguindo os grandes bandos de pimpíns, xílgaros e xiríns invernantes.