esmorga, A
Novela de Eduardo Blanco Amor publicada en Bos Aires en 1959 que constitúe a súa grande achega á narrativa galega. Nela concéntranse unha serie de técnicas da novela contemporánea que revolucionaron naquelas datas o panorama literario galego, tales como a redución do tempo referencial, o tremendismo, o determinismo atmosférico e social, a plasticidade cinematográfica no ritmo, os contrastes e as perspectivas suburbanas. Presenta os tráxicos sucesos dun luns en que dous mozos, Xan Fariñas, alias o Bocas, e Eladio Vilarchao, Milhomes ou Maricallas, despois de case tres días de alcohol e violencia, atopan a morte, víctimas de paixóns e de hábitos delitivos. Un terceiro mozo, Cipriano Canedo, Cibrán, Tiñicas ou Puchapodre, como única testemuña visual dos feitos é quen narra, diante dun xuíz, as peripecias que tiveron lugar dende que el, ese mesmo luns, indo para o seu traballo arredor das sete da mañá, atopou os esmorgantes e sucumbiu á tentación de os acompañar. Unha vez rematada a declaración e debido ao pánico que lle produce a idea de volver ao “cuartelillo” da Garda Civil, Cibrán espétase unha navalla e é rematado a culatazos polos gardas. Paralelamente, hai unha serie de personaxes secundarios que representan os distintos estamentos da sociedade ourensá, dende os funcionarios do concello ata a fidalguía e os círculos de prostitución (o cego Cudeiro, a Raxada, o Serantes, a Fuca, a Piolla, a Subela, o Berzas, a Monfortina, o Lisardiño, o Sardiña, etc). Toda a novela se presenta artellada por medio da chamada técnica da economía telefónica, relacionada coa que emprega Albert Camus en La chute (A caída, 1956), aínda que Blanco Amor negou ter lido o autor francés antes da redacción desta novela. O lector ten acceso aos feitos que se narran a través da declaración que Cibrán fai diante do xuíz castelán-falante, do que non se oen as preguntas que formula, e debe reconstruílas a partir da declaración do reo. Encadrando este discurso de autodefensa aparece un paratexto inicial no que un narrador xustifica a hipotética reconstrución dos feitos e un epílogo da mesma man que relata a morte do protagonista. A novela concíbese como unha traxedia suburbana, de xeito que presenta o paso dun estado de equilibrio inicial á itinerancia e ao comportamento delitivo, feitos que aparecen condicionados aos elementos atmosféricos, como a nocturnidade, o frío e a chuvia que provocan a busca de abeiro e a inxestión de alcohol. Deste xeito é a causalidade a que vai ensarillando os diferentes episodios, co engadido do carácter patolóxico do que Cibrán denomina recorrentemente “o pensamento” e que non pode controlar (a epilepsia), a brutalidade represiva da Garda Civil e as necesidades inherentes á propia novela, que precisa da morte de todas as testemuñas, trazos estos que dan lugar á traxedia. A novela foi levada ao cine co título de La parranda, que lle deu o propio Blanco Amor á tradución ao castelán do texto.