Esox
Xénero de peixes, da familia dos esócidos, que abrangue cinco especies propias de augas doces: E. americanus e E. niger, presentes no estado norteamericano de Florida; E. masquinongy, nos grandes lagos norteamericanos; E. reicherti, na Siberia oriental; e E. lucius, propio de Asia central, Norteamérica e Europa -agás a Península Ibérica, S de Italia, e occidente dos Balcáns e Noruega-. E. lucius, introducido con fins deportivos e económicos en diversos países, entrou na Península Ibérica en 1949 e caracterízase por acadar 150 cm de lonxitude e ata 20 kg de peso. Os machos son de menor tamaño ca as femias da mesma idade e acadan a madureza aos 2 ou 3 anos, cun tamaño de entre 25 e 40 cm de lonxitude e un peso de 0,5 kg. As femias, sen embargo, son maduras entre os 3 e 5 anos, cando miden entre 40 e 50 cm e pesan de 0,5 a 1 kg. O corpo é fusiforme e comprimido lateralmente, de cor verdosa con manchas amareladas e coa zona ventral máis clara. Presentan entre 110 e 130 escamas na liña lateral; a cabeza ten o fociño aplanado coa mandíbula inferior prominente e a boca grande, tan longa como a metade da lonxitude da cabeza, e provista de ata 700 dentes, curvados cara ao interior do animal e inseridos nos premaxilares, intermaxilares, vómer, palatinos e lingua. Os ollos están moi centrados na parte superior, feito que lle permite unha visión bastante frontal e centrada. A aleta dorsal sitúase na parte posterior do corpo, preto da aleta caudal e oposta á anal. As aletas son redondeadas menos a caudal, que é escotada. Habitan en zonas remansadas, de escasa corrente e vexetación abundante. A reprodución ten lugar a finais do inverno e principios da primavera, en lugares de escasa profundidade. Nos primeiros meses de vida aliméntanse sobre todo de invertebrados e pasan gradualmente a consumir peixes cando acadan os 30 cm de lonxitude. Os adultos, ademais de peixes, tamén poden capturar aves acuáticas -patos e pitas da auga- e roedores acuáticos. Pasan a maior parte do tempo inmóbiles e á espreita entre as plantas, e atacan rapidamente as presas que se achegan. Cando as prenden é difícil que se solten, debido á configuración da boca e dos dentes. Trala inxestión de grandes presas precisan dun tempo de repouso para realizar a dixestión, que pode durar varios días. Na Península Ibérica ocupa as concas dos ríos Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir, Llobregat, Ter, Ebro, Xúcar e Segura, normalmente en encoros situados a menos de 1.000 m de altitude, e nos tramos medios dos ríos. En Galicia foi introducido en canteiras de caolín abandonadas das ribeiras do río Louro.