espectrofotómetro

espectrofotómetro

(

s m [METROL]

Instrumento que mide a intensidade dunha radiación nunha zona determinada de lonxitudes de onda do espectro. En química emprégase para determinar o espectro de absorción (intensidade da absorción da enerxía radiante en función da lonxitude de onda) dunha mostra de materia, especialmente nas rexións do ultravioleta, do visible e do infravermello. Os espectrofotómetros de feixe único están constituídos esencialmente por un foco de radiación electromagnética continua, unha cela portamostras, un monocromador e un detector. No infravermello, o foco é un emisor de Nernst, e o detector é un bolómetro, un termopar, unha cela pneumática de Golay ou unha cela piroeléctrica. O monocromador é un prisma ou unha rede de difracción; máis raramente, un interferómetro. A óptica do instrumento ten que ser transparente na rexión espectral estudiada. Os espectrofotómetros de dobre feixe comparan directamente a intensidade transmitida pola mostra, da que se calcula a absorbida, coa transmitida polo disolvente puro ou por un patrón, e adoitan ir asociados a un aparello rexistrador.