Espenuca, Santa Baia de

Espenuca, Santa Baia de

Santuario situado no monte da Espenuca, en Coirós, onde se localiza un mirador sobre As Mariñas. As súas orixes están nunha pequena construción destruída polos suevos no s V que, trala súa restauración, se situou baixo a regra de san Bieito. No 881 reconstruíuse o templo e no s XI integrouse no mosteiro de San Salvador de Cis. Consérvase un templo románico que puido empregar elementos procedentes das antigas construcións. Erixiuse sobre unhas rochas, polo que a irregularidade do terreo provocou que a entrada ao templo estivera a unha maior altura. Ten nave, con cuberta de madeira, e ábsida, cuberta con bóveda de medio canón, as dúas de planta cadrada. No interior destacan as pinturas do s XV conservadas na ábsida e a imaxe de Nosa Señora da Espenuca, nai da Igrexa, realizada en granito por Fernando García Blanco (1986). Na portada principal destacan as dúas columnas que arrancan a media altura, apoiadas sobre rochas, e sosteñen os arcos de medio punto e as arquivoltas de aresta viva. A fachada coróase cunha cruz lobulada. O campanario está exento e no seu redor apareceron sepulturas e restos dunhas murallas que puideron pertencer ao antigo castelo de Spelunca, doado polo conde Rodrigo á Igrexa compostelá (1130).

Palabras veciñas

espenacho | espendoar | espenuca | Espenuca, Santa Baia de | espenuxado -da | espenuxar | espeque