espionaxe
(< fr espionnage)
-
s
f
Acción de observar algo ou a alguén con disimulo e sen ser visto.
-
s
f
Actividades ou métodos destinados á obtención dalgún tipo de información dunha fonte, que ben pode ser unha nación, unha empresa ou mesmo un partido político, e que desexa mantela oculta. Unha das primeiras mostras de espionaxe organizado foi o servicio creado por Francis Walsingham, secretario persoal da Raíña Isabel I, na segunda metade do s XVI, que contou con máis de 70 espías localizados en países estranxeiros. Dende o s XIX deuse un proceso paulatino de elaboración e organización dos servicios de espionaxe, e baixo o goberno de Napoléon constituíuse en Francia un servizo dirixido por Joseph Fouche, ministro de policía. Pero non foi ata comezos do s XX, e sobre todo durante a Primeira Guerra Mundial, cando se fixo habitual o emprego destes métodos para a obtención de información, fundamentalmente a que facía referencia á capacidade defensiva ou ofensiva dun Estado (organización, armamento e industria bélica), tanto en tempos de paz como de guerra. O impulso aos sistemas de espionaxe trala guerra permitiu que a maior parte dos países desenvolvidos integrasen as súas unidades dentro dos servicios de intelixencia, que cumpriron un papel destacado na Segunda Guerra Mundial. No contexto da Guerra Fría adquiriron moita importancia e dedicáronse á procura dos progresos científicos e técnicos, ao tempo que se desenvolveu a práctica da contraespionaxe para protexer a cada país e aos seus servicios de intelixencia das forzas de espionaxe inimigas e situadas en postos estratéxicos. Tralo final da Guerra Fría e a desaparición da política de bloques, cuestionáronse estas actividades e tentouse sometelas a un control maior por parte de cada un dos estados. Esta práctica, que se fixo habitual entre as empresas e que pretendía acceder á tecnoloxía secreta doutros países para evitar gastos en programas de investigación, estendeuse tamén aos partidos políticos. A maioría dos países teñen organizacións de espionaxe, como o CESID (Centro Superior de Información de la Defensa) creado en España no 1977, a CIA (Central Intelligence Agency) dos EE UU, o Ha-Mossad-Modiin ule-Takkidim Meyuhadim (Instituto de Intelixencia e Tarefas Especiais) de Israel. Os servicios de espionaxe da URSS funcionaron con distintos nomes (Cheka, GPU, OGPU, NKVD, NKGB, MGB) ata que no 1953 o MGB (Ministerio de Seguridade do Estado) se fusionou co MVD (Ministerio de Asuntos Interiores) e xurdiu o KGB (Komitei Gosudarstvennoi Bezopasnosti), que desapareceu en 1991 para ser substituído por tres servicios, o FSB (Federal’naya Sluzhba Bezopasnosti, ‘Servicio Federal de Seguridade’) no interior, o SVR (Sluzhba Vneshney Razvedki, ‘Servicio de Intelixencia no Exterior’) no exterior, e a FAPSI (Federal’naya Agenstvo Pravitel’stvennoy Svayazi i Informatsii, ‘Axencia Federal para o Goberno das Comunicacións e a Información’), que se ocupa da interceptación das comunicacións. As diversas lexislacións nacionais ditan sancións contra o delito de espionaxe; en tempos de paz limítanse normalmente á expulsión do espía, mentres que en tempos de guerra xeralmente se aplíca a pena de morte.