Espírito Santo
Estado do SL do Brasil, situado nos contrafortes orientais da Serra dos Aimorés (46.184 km2; 2.802.707 h [estim 1996]). A capital é Vitória. Está drenado por numerosos ríos, entre os que destacan o São Mateus e o Doce. O clima, cálido e húmido, favorece a existencia dun denso bosque tropical con madeiras preciosas, como a do loureiro negro, da que é o primeiro exportador nacional. A poboación é máis densa cara ao S, con terras máis fértiles. A principal actividade económica é a agricultura, onde destacan os cultivos de café, no val do río Doce, o cacao, a cana de azucre, o arroz e o millo. A aplicación de novas técnicas de cultivo situaron este estado entre os primeiros produtores de café do país. En canto ás industrias, existen pequenas fábricas do sector téxtil e alimentario, principalmente na capital.