espoleta
(
Aparello de fogo que se acopla aos proxectís de artillería, aos torpedos, ás minas, ás granadas e ás bombas, para inflamar a carga e provocar a explosión. Segundo o seu principio de actuación, pode ser de percusión, cando produce o seu efecto ao topar cun obstáculo; ou de tempo, cando fai explotar o proxectil nun punto determinado da súa traxectoria, ou unha carga fixa no momento previsto. A espoleta de dobre efecto é a que pode actuar de calquera das maneiras descritas; e a de efecto retardado, retarda a explosión ata uns instantes despois de chegar ao seu obxectivo. Polo seu funcionamento, pode ser eléctrica, con dúas baterías no interior que, ao poñerse en contacto, producen unha chispa, ou a incandescencia dun fío de platino que orixina a inflamación da carga explosiva do proxectil; mecánica, na que o efecto de rotación dunhas aletas exteriores ou dunha bóla pendular, ou o transvasamento dun contido líquido, poñen en funcionamento o mecanismo de explosión; de proximidade, equipada cunha célula fotoeléctrica que se pon en funcionamento cando o proxectil entra na zona de sombra do obxectivo; e radioeléctrica, cunha diminuta estación radio-receptora-emisora que emite continuamente unhas ondas ultracurtas que, ao topar co obxectivo, provocan a explosión do proxectil.