Esquerra Republicana de Catalunya
Partido político catalán fundado na Conferencia d’Esquerres en marzo de 1931 pola unión do Partit Republicà Català, o grupo de L’Opinió e Estat Catalá. Os seus principios políticos eran o recoñecemento da personalidade nacional de Catalunya e dos dereitos do home e do cidadán, a federación cos outros pobos ibéricos e a socialización da riqueza. Inicialmente, o comité executivo estivo formado, entre outros, por Francesc Macià e Luís Companys, nomeado presidente da Generalitat en xaneiro de 1934. O éxito electoral de abril de 1931 e a proclamación da República déronlle a hexemonía política en Catalunya. Constituíu diversos gobernos durante a República e a Guerra Civil, trala que a maioría dos seus líderes tiveron que exiliarse. ERC configurouse dende 1976 baixo a dirección de Heribert Barrera como unha alternativa de centro-esquerda e obtivo 2 parlamentarios nas eleccións lexislativas de 1977, 3 nas de 1979 e 3 nas de 1982. En 1987 Barrera foi substituído na secretaría xeral por Joan Hortalà; e en 1989 foi elixido Àngel Colom. Nas eleccións autonómicas de Catalunya de 1992 converteuse na terceira forza parlamentaria, con 11 escanos, e nas eleccións xerais do ano seguinte acadou un escano no Congreso de los Diputados, renovado nas eleccións de 1996. En novembro de 1996, Àngel Colom, Pilar Rahola e outros membros do comité escindíronse e presentaron o novo Partit per la Independència (PI). No congreso de novembro Jordi Carbonell foi elixido novo presidente do ERC e Josep-Lluís Carod Rovira secretario xeral.