estado

estado

(

  1. s m

    Maneira de ser, de estar ou de atoparse nun momento dado, alguén ou algo.

    Ex: A víctima permanece nun estado lamentable despois da agresión. Véndese un coche en bo estado. Nese país aínda hai terras en estado virxe.

  2. [FÍS]
    1. s m

      Maneira de ser, de presentarse ou de existir un sistema material. O estado dun sistema defínese por un número determinado de magnitudes físicas expresables cuantitativamente, chamadas variables ou funcións de estado; os valores destas nun instante determinado t o permiten caracterizar a dinámica dun sistema e conteñen suficiente información da súa historia. Dentro dun sistema pode haber distintos conxuntos de variables de estado, todos eles interrelacionados; un dos máis comúns é o das variables de fase, formado polas derivadas sucesivas dunha variable. Dispostas en columna, as variables de estado constitúen o vector de estado. As ecuacións de tipo x(t)=f(x,v,t), que expresan a derivada do vector de estado x en función do estado x e do vector de entrada ou acción de control v, reciben o nome de representación de estado ou ecuacións de estado, e empréganse moito na teoría moderna do control. A súa solución leva á matriz de transición de estados. Cando a acción de control é combinación lineal do estado, fálase de retroacción de estado. O estado mecánico dun sistema defínese mediante as coordenadas de cada unha das partículas que o constitúen e os seus momentos lineais. O estado térmico defínese cos valores da presión, do volume e da temperatura. O estado cuántico determínase polos números cuánticos ou pola súa función de onda. Cando as variables que determinan un certo estado permanecen invariables respecto ao tempo, entón fálase de estado estacionario.

    2. ecuación de estado

      Expresión analítica implícita que relaciona as propiedades físicas, a presión, o volume específico e o tempo. Unha ecuación de estado é da forma f(p,v,t,a,b...)=0, onde p é a presión, v o volume, t a temperatura e a, b,... parámetros ou constantes experimentais. Hai diversas ecuacións de estado propostas, como as dos gases perfectos, a de Van der Waals ou a de Beattie-Bridgman.

    3. estado de agregación

      Estado dun sistema material segundo o grao de cohesión das moléculas que o forman. Segundo o estado de agregación, un sistema material pódese presentar en tres formas fundamentais: sólida, líquida e gasosa. Denomínase cambio de estado ou cambio de fase o paso dun deles a calquera dos outros.

    4. estado fundamental

      Nivel máis baixo posible de enerxía dun electrón dado.

    5. estado termodinámico crítico

      Estado dunha substancia pura a unha presión e a unha temperatura tales que as fases gasosa e líquida non poden existir como fases separadas.

  3. [PAT]
    1. s m

      Período dunha enfermidade no que os síntomas permanecen aproximadamente iguais.

    2. estado crepuscular

      Estado caracterizado pola perda transitoria da consciencia e o mantemento da capacidade para efectuar involuntariamente accións que logo non se lembran.

    3. estado hipnótico

      Estado no que as experiencias pasadas afloran á consciencia a partir do subconsciente.

  4. s m [HIST]

    Cada un dos territorios sometidos á xurisdición dun soberano ou dun señor xurisdicional.

  5. [HIST]
    1. s m

      Cada unha das ordes ou estamentos nos que se consideraba dividida a sociedade no Antigo Réxime.

    2. Estados Xerais

      Durante o Ántigo Réxime, asemblea dos tres estamentos (nobreza, clero e terceiro estado) e de todas as provincias, convocada polo rei para obter subsidios extraordinarios e asegurar a unidade no seu contorno. Os electores formulaban previamente unhas peticións que entregaban aos seus representantes, pero a asemblea non tomaba decisións. Filipe IV o Fermoso de Francia (1285-1314) reuniu os primeiros Estados Xerais e posteriormente celebráronse nalgunhas ocasións ao longo dos ss XIV e XVI. En 1789 reuniunos Luís XVI, cun número maior de membros do terceiro estado que dos outros dous estamentos xuntos; reunidos en Versailles (5 de maio), o terceiro estado esixiu o voto individual. A negativa real motivou a proclama dunha Asemblea Nacional (16 de xuño) e dunha Asemblea Constituínte (9 de xullo de 1789).

  6. [POLÍT]
    1. s m

      Entidade estable e permanente de carácter soberano, asentada sobre un territorio delimitado, habitada por unha determinada poboación e dotada dun poder político e xurídico institucionalizado. Modernamente, caracterízase por unha serie de elementos que o definen: o territorio, a poboación, o poder xuridicamente organizado e a soberanía, que supoñen o recoñecemento, tanto dentro de si mesmo como por parte dos demais estados, de que a súa autoridade gobernativa é suprema e de que, dentro del mesmo, non hai ningún outro poder superior ao do mesmo Estado. No plano nacional, o Estado nace para proporcionar un marco de lei e orde no que a súa poboación poida vivir de maneira segura; e no plano internacional, nace cando un número suficiente doutros estados o recoñecen como tal. De acordo coa súa estrutura, pode ser simple ou unitario, como Francia, ou federal, como Suíza e Alemaña. O Estado unitario concentra nun único goberno central todas as competencias, que afectan por igual a todo o territorio; e o federal recoñece o gozo de competencias de modo exclusivo a certas entidades dentro do propio Estado que, deste xeito, dispoñen de atribucións lexislativas, executivas e xudiciais propias. Pola forma de goberno, distínguense a monarquía e a república e os réximes parlamentarios e presidencialistas. Segundo as razóns históricas baseadas no órgano depositario da soberanía, diferéncianse o Estado absoluto, onde a soberanía reside nunha soa persoa; o Estado liberal de dereito, que atopa na nación o depositario da soberanía; e o Estado liberal e democrático de dereito, onde a soberanía reside no pobo, que a exerce a través da democracia representativa. O Estado, entendido como expresión do poder político, xorde cando se establece unha división entre gobernantes e gobernados, aparecendo un poder ou autoridade que se impón sobre a comunidade por razóns de liderado, étnicas ou relixiosas. Dende a aparición das cidades-estado na antiga Grecia, os pensadores e filósofos dedicáronse a discutir a verdadeira natureza e fins reais do Estado. A historia do Estado é debedora da evolución da súa teoría política, pero tamén da influencia do desenvolvemento económico e social da humanidade. Durante séculos o Estado manifestouse cos tintes teocráticos do despotismo oriental e do papado, do cesarismo romano e da dominación patrimonial do feudalismo. Os requisitos militares de crear e manter unhas entidades territoriais cada vez maiores inclinaron ao desenvolvemento destes sistemas autoritarios; algúns autores, entre outros T. Hobbes, enfatizaron sobre a necesidade do sacrificio da liberdade individual en beneficio das necesidades da orde colectiva, sen que isto implique, segundo J. J. Rousseau, que o suxeito do poder estatal e a masa de súbditos non coincidan. O nacemento do Estado como organización política tivo lugar nos ss XIV e XV co espírito humanista do Renacemento e o ideal dun poder civil, favorecido pola desaparición do Sacro Imperio e a perda de influencia da Igrexa Romana, que se debateu entre e a Reforma e a Contrarreforma. A expresión deste Estado tivo lugar nas cidades-estado italianas e nas monarquías francesa, inglesa e española; e as transformacións económicas propias do ascenso social e político da burguesía fortificaron o aparello do goberno do Estado e reduciron o poder de orixe medieval mediante a progresiva distribución de funcións políticas entre órganos colexiados estables, entre outros os parlamentos, os gobernos e os tribunais. As loitas contra o novo despotismo dos monarcas e a defensa do territorio fronte ás invasións estranxeiras vincularon, a finais do s XVIII e principios do s XIX, a poboacion á idea de nación como símbolo da comunidade política do Estado. Deste xeito, apareceu o nacionalismo, identificado durante a Revolución Francesa coa consecución do Estado nacional. Paralelamente, xurdiron correntes de pensamento defensoras da liberdade individual fronte ao Estado, que o converteron nun instrumento ao servizo dos cidadáns. Estas ideoloxías fundamentan as revolucións liberais nos EE UU en 1776 e en Francia en 1789. Estes acontecementos, unidos aos cambios socieoconómicos derivados da industrialización, configuraron o novo estado liberal, baseado na división de poderes formulada por Montesquieu. Durante o s XIX e comezos do XX, consolidouse a identificación entre o principio estatal e o nacional. O complexo de forzas políticas, sociais e económicas que axitaron o mundo occidental neste período deu como resultado o estado-nación, formulado por G. Hegel e que tivo por expoñente histórico as unificacións políticas de Alemaña e Italia a finais do s XIX. Este novo modelo de Estado forte tivo os seus detractores dende o liberalismo, como nas formulacións de John Stuart Mill, que advertiu da excesiva autoridade do poder estatal, e dende o marxismo-leninismo, que criticou o Estado ao concibilo como organismo de control e de represión ao servicio da clase social dominante, de modo que debía desaparecer trala Revolución Comunista. O anarquismo afirmou a necesidade de destruír o Estado, incluso durante a ditadura do proletariado. Trala Segunda Guerra Mundial, a maioría dos estados aceptaron a súa responsabilidade nunha ampla gama de asuntos sociais, que garantisen o benestar dos cidadáns, entre outras áreas, na sanidade e na educación. Nos derradeiros anos do s XX a globalización da economía mundial, a mobilidade de persoas e capital e o desenvolvemento de redes de información a escala mundial combináronse coa necesidade de limitar o poder do Estado, co fin de garantir o respecto á autonomía individual. No eido político, asistiuse a unha maior integración e interdependencia económica e social dos estados, cunha paralela perda de soberanía, que anuncia a progresiva desintegración do estado-nación en beneficio de novas estruturas supranacionais, como a Unión Europea, pero tamén se asistiu á proliferación de nacionalismos históricos sen estado, que pugnan por localizar o seu sitio na nova dinámica mundial.

    2. s m

      Conxunto dos poderes públicos que conforman o aparello administrativo da comunidade política.

    3. Estado das autonomías

      Denominación do modelo de Estado establecido en España pola Constitución de 1978, que permite a creación en territorios limítrofes dunha comunidade autónoma que pode acceder ao seu autogoberno nas competencias que a propia Constitución establece. O Estado das autonomías é un modelo político intermedio entre o Estado centralista e unitario e o Estado federal, pois, aínda que os territorios dotados de autonomía teñen capacidade lexislativa e executiva a través das súas propias institucións, esta autonomía non emana do exercicio da súa soberanía, senón que a soberanía nacional correspóndelle ao pobo español no seu conxunto, e é única, común, indivisible e indisoluble.

    4. estado de dereito

      Estado no que os poderes públicos están sometidos de modo efectivo ao imperio da lei mediante o control xurisdicional dos seus actos. Este concepto apareceu a finais do s XIX no pensamento xurídico alemán e, posteriormente, no francés, e deu resposta á necesidade de fundamentar o dereito público a través da afirmación do principio de suxeición do Estado ao dereito. Na doutrina da época, é un Estado que, nas súas relacións cos cidadáns, se somete a un réxime de dereito. O poder só pode utilizarse usando os medios xurídicos autorizados polo ordenamento xurídico vixente, mentres que os cidadáns dispoñen de vías de recurso xurisdicionais contra as actuacións públicas que lles causen prexuízos. Por razóns de interese público, o Estado pode someterse ás normas do dereito público, mentres que no resto das cuestións se somete ao dereito privado.

    5. estado patrimonial

      Estado no que a soberanía non procede da organización nacional, senón da persoa física do soberano, limitada só polas leis morais e relixiosas.

    6. es-tado policial

      Estado que recoñece os dereitos civís dos individuos pero que lles nega os dereitos políticos.

    7. golpe de estado

      Toma do poder político por un grupo minoritario, xeralmente vinculado a un sector ou á totalidade das forzas armadas, que se produce normalmente en momentos de crise económica e de indecisión e desorganización do réxime político. Realízase co propósito de manterse no poder ou de acceder a el, prescindindo da normativa constitucional ata entón vixente.

    8. razóns de estado

      Consideracións polas que un goberno sitúa o interese de Estado por enriba dos principios xeralmente admitidos, que deben quedar subordinados.

  7. [FILOS]
    1. s m

      Calidade dun ser ou dunha cousa que constitúe unha maneira de ser estable e duradeira na filosofía de Aristóteles.

    2. estado de natureza

      Segundo algúns pensadores, entre outros J. J. Rou-sseau, T. Hobbes e H. Grocio, estado no que se encontraría o home se non existisen as sociedades.

  8. estado canónico [DER]

    Condición de cada fiel con respecto á Igrexa. Entre os estados canónicos distínguense fundamentalmente a condición de crego, relixioso e laico: ao estado clerical accédese mediante o sacramento da orde; ao estado relixioso accédese ao profesar os votos públicos dunha institución relixiosa, e ao estado laico accédese polo bautismo e nel inclúense todos os fieis que non optaron por ningún dos outros dous.

  9. estado civil [DER]

    Circunstancias persoais que determinan a capacidade, os dereitos e as obrigas dos cidadáns. As causas que o determinan son o nacemento, a nacionalidade, o sexo, a familia, a idade e a ausencia. Non pode ser obxecto de transacción, cesión ou renuncia. Os seus datos están contidos no rexistro do estado civil, onde constan, entre outras, as anotacións de nacemento, emancipacións, matrimonio e defunción.

  10. estado de alarma/de emerxencia [DER]

    Situación que declara a autoridade competente diante dunha catástrofe natural, accidente, crise sanitaria, desabastecemento de produtos de primeira necesidade ou de servicios fundamentais, pola que todos os recursos materiais e humanos das administracións e dos particulares quedan a disposición do goberno e baixo as ordes directas del. En España, de acordo co artigo 116 da Constitución de 1978, o estado de alarma só o pode declarar o consello de ministros, que mediante decreto debe determinar o ámbito territorial sobre o que se estenden os efectos da declaración. Ese decreto gobernamental pode ter efecto por un prazo máximo de 15 días; transcorrido ese período, é precisa a autorización do Congreso de los Diputados para prorrogar a declaración. A Lei Orgánica 4/1981 desenvolveu máis detalladamente a súa regulación. Se a declaración afecta exclusivamente ao territorio dunha única comunidade autónoma, o goberno pode delegar no seu presidente as funcións de coordinación e dirección das operacións, que poden incluír restricións á libre circulación, requisas, intervencións e ocupacións temporais e racionamentos.

  11. estado de excepción [DER]

    Situación que declara a autoridade competente diante dunha alteración grave do libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, dos servicios públicos esenciais ou da orde pública, que non se pode resolver co exercicio das potestades ordinarias. En España, de acordo co artigo 116 da Constitución, o estado de excepción só o pode declarar o goberno, previamente autorizado polo Congreso de los Diputados, mediante decreto do consello de ministros no que se determinen os efectos, o ámbito territorial e a duración da declaración, que non poderá exceder de 30 días, prorrogables por outros 30 máis. A Lei Orgánica 4/1981 desenvolveu máis detalladamente a súa regulación. Entre os efectos que pode implicar a declaración de estado de excepción destaca a posibilidade da suspensión de determinados dereitos: liberdade de circulación, inviolabilidade do domicilio, segredo das comunicacións e dereito de folga.

  12. estado de necesidade [DER]

    Situación de grave perigo ou de extrema necesidade que só se pode remediar vulnerando os intereses xuridicamente protexidos dun terceiro, o que conduce a un conflito co dereito fundamental e inalienable á vida. Cando o estado de necesidade concorre na comisión dun delito, considérase causa eximente da responsabilidade penal, pois supedítase o dereito positivo á lei natural (instinto de supervivencia). O eximente da responsabilidade penal por estado de necesidade pódese aplicar cando se actúa en auxilio propio ou incluso cando se actúa en auxilio dun terceiro (auxilio necesario).

  13. estado de sitio [DER]

    Situación anómala que declara a autoridade competente diante da produción ou ameaza dunha insurrección ou acto violento que poña en perigo a soberanía ou a independencia do Estado, a súa integridade territorial ou a orde constitucional. En España, de acordo co artigo 116 da Constitución de 1978, o estado de sitio declárao o pleno do Congreso de los Diputados a proposta do goberno. A resolución parlamentaria, que necesita dos votos afirmativos da maioría absoluta dos membros da cámara baixa, debe especificar os efectos, duración e ámbito territorial sobre o que se estende a declaración, que pode implicar a suspensión de determinados dereitos e liberdades: liberdade de circulación, garantías xurídicas dos detidos, liberdade de expresión e información, e dereito á folga. A Lei Orgánica 4/1981, que desenvolveu máis detalladamente a súa regulación, establece que, trala declaración do estado de sitio, o goberno debe designar unha autoridade militar baixo a súa dirección para que execute as medidas procedentes para restablecer a normalidade.

  14. estado maior [BÉL]

    Corpo de oficiais encargado desde o s XIX do asesoramento técnico dos cargos superiores do exército, de distribuír as ordes e de velar polo seu cumprimento. Distínguese entre estado maior combinado, composto por oficiais de diversos países, e estado maior conxunto, integrado por oficiais dos tres exércitos.

  15. teoría do estado estacionario [ASTRON]

    Teoría cosmolóxica que establece que o Universo non ten nin principio nin final e que a densidade da materia é constante. Axéitase ao principio cosmolóxico perfecto, segundo o que o Universo presenta sempre e en todo lugar o mesmo aspecto. É un modelo de Universo plano, que se expansiona a velocidade constante, e no que hai unha creación continua de materia que compensa a expansión. Proposta por H. Bondi, T. Gold e F. Hoyle en 1948, abandonouse en beneficio da teoría do Big Bang.

  16. verbo de estado [LING]

    erbo que expresa un estado do suxeito (estar, quedar, durmir, etc), oposto a verbo de acción.

Frases feitas

  • Caer/Estar/Quedar en estado. Quedar embarazada.