Estados Pontificios

Estados Pontificios

Conxunto de territorios italianos que formaron os dominios temporais dos papas de Roma durante a Idade Media ata 1870. Formouse coas doazóns territoriais feitas á Igrexa católica no centro e S de Italia dende o s IV. Durante a dominación bizantina de Italia, o ducado de Roma, que mantiña unha dependencia teórica respecto aos emperadores de Constantinopla, acadou a independencia de feito, ao tempo que os pontífices anularon o poder da nobreza local. A partir do s VI denomináronse Patrimonium Sancti Petri. Durante a invasión longobarda, o Papa Estevo III solicitou a axuda de Pipino o Breve, que se comprometeu a restituírlle ao pontífice as terras perdidas (754) e, trala derrota dos longobardos, estendeuse pola rexión de Emilia e por unha franxa do territorio nos Apeninos. O dominio papal pasou por unha etapa de desintegración e decadencia durante o s IX a causa das loitas partidistas en Roma. Trala restauración do poder papal coa axuda do Emperador Otón o Grande (962), o patrimonio territorial da Igrexa incrementouse, especialmente durante o pontificado de Inocencio III (1198-1216), que dividiu o Estado Pontificio en catro provincias, Campania, Patrimonio, ducado de Spoleto e marca de Ancona, sometidas ao mando de catro rectores. Durante esta etapa producíronse frecuentes conflitos de autoridade cos emperadores xermánicos que dexeneraron en loitas entre os partidarios do papa (güelfos) e os do emperador (xibelinos). Coa reforma gregoriana, o papado liberouse da tutela que exercían sobre as súas terras os emperadores xermánicos e, trala Paz de San Xoán de Letrán (1244), remataron as loitas cos xermánicos. Non obstante , os Estados Pontificios resultaron moi debilitados, e os sucesivos papas buscaron a substitución da rama xermánica dos Hohenstaufen, que gobernaban en Sicilia, pola casa de Anjou. Pero a intervención de Pedro III de Aragón frustrou estes intentos e iniciou a presenza da coroa aragonesa no S de Italia. O conflito entre o Papa Bonifacio VIII e Filipe IV de Francia provocou o traslado da sé papal a Aviñón e orixinou a anarquía e a destrución dos Estados Pontificios. O Papa Martiño V (1417-1431) emprendeu a súa reconstrución, que culminou co Papa Xulio II (1503-1513). Definíronse entón os seus límites, que incluían as Legacións (Romaña e Bolonia), a Marca de Ancona, o Patrimonio de Tuscia (Toscana), a Campania Marítima, e Benevento e Pontecorvo no Reino de Nápoles. Durante o Renacemento, os Estados Pontificios, coa capital, Roma, convertéronse nun centro de irradiación cultural e artística. A intervención dos papas na política internacional desembocou na invasión dos Estados Pontificios polo Emperador Carlos V, que se someteron á hexemonía dos Habsburgo españois. Durante o papado de Sixto V (1585-1590) acometéronse un conxunto de reformas centralistas na administración dos estados, que non supuxeron unha mellora das condicións económicas e sociais durante os ss XVII e XVIII, limitadas polo nepotismo e os diversos particularismos de cada unha das rexións. Trala invasión francesa, perdeuse a rexión da Emilia-Romaña (1797) e as Marcas foron anexionadas polos franceses (1809). No Congreso de Viena (1815), o cardeal Ercole Consalvi conseguiu restaurar, coa colaboración de Nápoles e Austria, a autoridade papal sobre os Estados Pontificios. A defensa da unidade italiana polos nacionalistas derivou nun ataque á soberanía temporal do papa e, tralo fracaso dos intentos por unificar Italia ao redor do pontificado, malia a concesión do estatuto por Pío IX (1848), a proclamación da República romana (1849) marcou o seu fin. Trala conquista dos Estados Pontificios (1859-1860) e da súa capital (1870) polas tropas piamontesas de Víctor Manuel de Savoia, pasaron a formar parte do Reino de Italia. Polos Tratados de Letrán, subscritos entre Italia e a Santa Sé (11.2.1929) creouse unha soberanía temporal pontificia limitada ao territorio da Cidade do Vaticano.