estática
(< grστατική ἐπιστήμη ‘ciencia do movemento’)
-
[FÍS]
-
s
f
Rama da mecánica que estudia as condicións de equilibrio para que o corpo sobre o que actúa se manteña en repouso ou en movemento uniforme. Por mor da súa fácil xeometrización, xa foi estudada polos gregos. Posteriormente, desenvolvérona Leonardo da Vinci, S. Stevin, Galileo e, principalmente, J. B. d’Alembert e J. L. Lagrange, que acadaron unha gran xeneralización mediante o principio dos traballos virtuais. O obxectivo básico da estática consiste en substituír un sistema de forzas determinado por outro que sexa o máis simple posible. Se se ten presente que un sistema de forzas está determinado pola forza resultante e polo movemento resultante, dedúcese que todo sistema de forzas é equivalente a unha forza única aplicada nun punto arbitrario e a un par de forzas. Os principios da estática son: que a forza resultante sexa nula e que o momento resultante sexa tamén nulo; os dous teñen aplicación na arquitectura e na enxeñería.
-
estática de fluídos
hidrostática.
-
estática gráfica
Método para resolver problemas sobre o equilibrio e a distribución de forzas, cargas, tensións, momentos, etc, aplicados a un sólido, por medio de gráficos exactos. Reduce os problemas da estática a simples problemas de xeometría utilizando as operacións gráficas vectoriais para chegar a determinar en forma de diagrama os valores principais que caracterizan a resistencia dunha peza, tales como os de momentos estáticos e de esforzos cortantes. O primeiro obtense mediante o polígono de forzas e o polígono funicular. O segundo obtense determinando, para cada sección da peza, a resultante das forzas exteriores.
-
s
f
-
estática económica
[ECON]
Método de análise económica que ten por obxecto o estudo das variables económicas nunha posición determinada, xeralmente considerada de equilibrio. A confección de modelos económicos desde a óptica estática caracterízase pola referencia de todas as variables a un mesmo período de tempo. Unha variante deste tipo de análise é o da estática comparativa, baseado na confrontación de dúas situacións de equilibrio en que as condicións extremas non estiveron modificadas especialmente polo paso do tempo.
-
estática química
[QUÍM]
Parte da química que estudia os estados de equilibrio ao que tenden os sistemas que experimentan unha reacción reversible. Denomínanse reversibles as reaccións que poden progresar nun sentido ou no sentido inverso, e chegan nos dous casos a un mesmo estado de equilibrio químico, que se caracteriza polos valores das concentracións dos produtos da reacción e das substancias reaccionantes que aínda están presentes. O estudio cuantitativo da estática química desenvolveuse a partir da lei de acción de masa de M. Guldberg e P. Waage, e dos conceptos de entalpía libre e de potencial químico derivados do segundo principio da termodinámica por J. H. van’t Hoff (1844) e J. W. Gibbs (1875); constitúe o capítulo principal da termodinámica química.