Estatuto dos Traballadores
Norma fundamental do dereito do traballo en España que recolle os dereitos e deberes dos suxeitos das relacións laborais. É a norma que regulamenta as relacións, de ámbito laboral, que xorden no desenvolvemento do traballo na empresa. Aprobouse o 10 de marzo de 1980 e substituíu a Lei de Relacións Laborais (1976), que, a súa vez, reemprazara a Lei de Contratos de Traballo (1944). Supón o cumprimento do mandato constitucional. O texto vixente da lei atópase no Real Decreto Lexislativo de 24 de marzo de 1995 que sufriu diversas modificacións. Estrutúrase en tres títulos, que tratan de delimitar os contidos fundamentais do dereito laboral, aínda que certos temas, como o dereito de folga e o seu exercicio, a liberdade sindical e o procedemento laboral non se regulan no estatuto ou este non o fai por completo. O primeiro título regulamenta a relación individual de traballo e contén as disposicións xerais das relacións laborais, o contido do contrato de traballo, a modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo, as infraccións e sancións e os prazos de prescrición; o segundo refírese aos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa; e o terceiro regulamenta a negociación colectiva e os convenios colectivos.