1 estela

1 estela

(

  1. s f [ARTE]

    Monumento monolítico que se chanta na terra, de carácter conmemorativo, funerario, votivo, biográfico ou de limitación dun territorio, aínda que na época moderna este uso se limitou ao funerario. En Europa pode ter as súas orixes nos menhires e nas figuras gravadas nalgúns túmulos funerarios alemáns como o de Hirschlanden. Nas civilizacións antigas de Oriente Medio podían ser conmemorativas, como a estela de Narám-Sin (III milenio a C) que conmemora a vitoria deste rei sobre os lullibitas; recoller un código xurídico, como a estela babilónica de Hammurabi (s XVIII a C); e relixiosas, como a estela do deus Teshub. No antigo Exipto foron maioritariamente funerarias e nelas aparecen representados os defuntos e os deuses; destacan, entre outras, as de Tel el-’Amarna (s XIV a C), Poser (s XIII a C) e a de madeira da dama Taperet (ss X-IX a C). No mundo fenicio foron votivas e funerarias e nelas acostuman aparecer representados reis e deuses; entre outras destacan a estela do deus Melquart, a estela de Marathus (s IX a C) e a de Baalyaton (s IV a C). Do mundo grego consérvanse estelas de época protohistórica e micénica, aínda que o momento de esplendor foi a época clásica. Teñen xeralmente un carácter funerario e adoptaban forma de templo onde se representaban escenas de despedida do defunto, escenas de xénero ou simbólicas e unha inscrición, como a do hoplita Aristonautes. Consérvanse tamén estelas que recollen leis, como a do decreto do demo de Atenas (s III a C), que recollen cultos relixiosos, como a estela arcaica coas formas de culto na Acrópole; e as que son simplemente marcos, como a estela con forma de Hermes de Sosistratos (141-142 a C). En Roma, a produción de estelas desenvolveuse vinculada á epigrafía, pois se produciron estelas funerarias, conmemorativas e votivas acompañadas sempre por unha inscrición. Na Península Ibérica, as primeiras estelas datan da Idade do Bronce e concéntranse no SO. Caracterízanse polos seus gravados antropomórficos esquemáticos e as representacións de armas e instrumentos amodo de enxoval. A maioría das que se conservan datan de época romana e caracterízanse pola súa gran calidade. En xeral teñen un carácter funerario, como a estela emeritense de Lutatia Lupata. En Galicia as estelas aparecen en época romana. Feitas en granito ou xisto, presentan xeralmente na parte superior unha zona decorada e, por baixo, unha inscrición. Os motivos decorativos son variados aínda que os máis comúns son o crecente luar, como o da estela de Suavioso; as arcadas, como as da estela de Cornelio Chresimo, localizada cerca de Padrón; as estrelas como as da estela de Aper, encontrada en San Pedro da Vila (Pontedeume); as rosas, como as da estela de Bermés (Lalín); as esvásticas; e as representacións antropomorfas, como as da estela de Publius Ursus (Vigo), de Troitosende (Negreira) e de Miráns (Rianxo). Destacan tamén un tipo de estelas representadas pola estela antropomorfa de Vilar de Sarria e a estela antropomorfa de Seoane de Atán, onde aparecen representadas nun dos seus lados dúas figuras togadas e doutro, no caso da de Sarria, unha posible representación da Odisea, e na de Seoane de Atán, unha escena ecuestre.

  2. estela anepígrafa

    Estela que carece de inscrición, ben por non se ter gravado nunca, ben porque desapareceu.

Palabras veciñas

Esteiro, O | Esteiro, O | esteirón | 1 estela | 2 estela | Estela | estelar