estereofonía
(
Técnica de gravación e reprodución acústica, mediante dous canais independentes de son, que intenta producir no oínte unha sensación de realidade, comparable á producida pola audición directa dunha orquestra. O son cáptano dous grupos de micrófonos, situados adecuadamente segundo a situación relativa dos instrumentos e asociados a dous amplificadores independentes. Na gravación, o disco é percorrido por unha agulla que se move a consecuencia de dous sinais -un que se grava nas paredes do suco e outro no fondo-, que forman os dous canais. Na gravación de cinta magnética ou de banda óptica cada sinal dos dous canais produce unha pista de intensidade variable. Os sinais obtidos amplifícanse separadamente e son reproducidos por grupos diferentes de altofalantes, desfasados igual ca os sinais captados polos micrófonos. A estereofonía baséase na capacidade do oído humano de distinguir a orixe dos sons, a súa dirección de procedencia e a súa distancia de produción, a causa das diferencias de intensidade coas que chegan ás orellas e as distintas lonxitudes do camiño que teñen que percorrer. En 1957 apareceron no mercado os primeiros discos estereofónicos e, máis tarde, os chamados compatibles. Posteriormente, apareceron os discos de gravación dixital e os discos compactos. A gravación de cinta magnetofónica, tanto profesional como de afeccionado, faise en estereofonía con dúas pistas paralelas. Un equipo estereofónico doméstico comprende dous amplificadores independentes ou integrados e dous grupos de altofalantes independentes.