estorniño

estorniño

(< lat stŭrnu)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave, da familia dos estúrnidos, de tamaño medio, co corpo groso, o peteiro longo e aguzado, os ollos moi adiantados, a cola curta e a plumaxe, nas máis das especies, de cor brillante. As ás son curtas e o voo é rápido e directo, cun bater constante das ás. Os dous sexos teñen unha aparencia semellante. Son animais activos e ruidosos, de reclamos sonoros e con tendencia a pousarse en puntos prominentes. Aliméntanse principalmente en medios abertos, onde andan e corren con facilidade. Durante a primavera e o verán son aves principalmente insectívoras que frecuentan o gando, mentres que no inverno forman grandes bandadas e son fundamentalmente fruxívoras. Aniñan en buracos, en moitos casos, de edificios de ambientes rurais. Existen 92 especies: 22 do xénero Aplonis, 4 do xénero Basilornis, 3 do xénero Cinnyricinclus, 2 do xénero Cosmopsarus, 1 do xénero Creatophora, 1 do xénero Enodes, 1 do xénero Grafisia, 17 do xénero Lamprotornis, 1 do xénero Neocichla, 10 do xénero Onychognathus, 3 do xénero Poeoptera, 2 do xénero Saraglossa, 1 do xénero Sarcops, 1 do xénero Scissirostrum, 1 do xénero Speculipastor, 6 do xénero Spreo, 2 do xénero Streptocitta e 16 do xénero Sturnus. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “Estorniños e pardais, todos queren ser iguais”.

  2. estorniño negro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave, de 21 cm de lonxitude, de plumaxe negra e patas rosas. É unha especie zoófaga durante a primavera e o verán, estacións nas que se alimenta de escaravellos, eirugas e saltóns; e fitófaga no outono e inverno, cunha alimentación baseada en sementes de poáceas e fabáceas, uvas e landras. Distribúese polo N de África, nalgunhas illas mediterráneas occidentais e na Península Ibérica, onde ten as súas máximas densidades nas devesas e onde experimentou, a finais do s XX, unha expansión cara ao N a partir da metade sudoccidental peninsular. Aparece ligada ás áreas agrícolas e cría en gretas de edificios e nos niños desocupados doutras aves, como petos, andoriñas dos ribeiros e cegoñas.

  3. estorniño pinto [ANIMAL/ORNIT]

    Ave, de 21 cm de lonxitude, coas patas de cor castaña arrubiada e plumaxe negra bronceada con pintas brancas, especialmente no inverno. Presenta unha distribución paleártica occidental e colonizou a finais do s XX a Península Ibérica, penetrou polo País Vasco e Catalunya, e acadou Asturias e o delta do Ebro. A poboación cantábrica habita campiñas arboradas con pasteiros e cultivos, e fai o niño en buracos de carballos, mentres que a poboación catalá prefire paisaxes agrícolas e fai o niño en buracos de edificios. As poboacións ibéricas son sedentarias e a estas aves súmaselles gran número de invernantes do resto de Europa, sobre todo en zonas de oliveiras onde se alimentan principalmente do seu froito.

Palabras veciñas

Estoril | Estoril, Pacto de | estornela | estorniño | estorroar | estorzón | estouciñar